Opinión

Fuxan os ventos, toda unha vida

No 1982 na televisión española había un programa, "Voces sin voz",  presentado por Manuel Torres Iglesias, que se adoitaba ver na casa, un día meu pai chamou por min para me avisar que fora rápido xa que na televisión ían tratar o tema da situación do galego. Non lembro o que dixeron Alonso Montero, Carlos Casares, Cacharro Pardo nin Filgueira Valverde, todos homes que representaban a quen podía opinar sobre o tema. Créanme non lembraba nin o nome do programa, nin o do presentador, nin o que dixeron tan doctas autoridades sobre o tema, nin a súa presenza.

Lembro só a Fuxan os ventos, que era o grupo invitado para cantar, agora sei que unha das cancións interpretadas foi "O Lelo". A memoria engana e eu xuraría que era "Sementeira",  que non existía daquela; era o tema que máis lle gustaba o meu pai. No programa tamén falaron, Mini, Mero e Tereixa Novo. Eu só lembro as palabras de Tereixa. Cando o presentador lle preguntou algo relacionado coa situación de bilingüismo que se vivía en Galiza, ela foi contundente, en Galiza o que se vivía era unha situación de diglosia. En resumo eu só lembro do progarma a explicación máis pedagóxica sobre a situación do galego, que escoitara nunca. Ao día seguinte falaramos moito do tema, entre os descansos das aulas de primeiro de filoloxía no que daquela se chamaba colexio universitario de Vigo.

Fuxan os ventos eran a voz de quen non tiña voz coas súas cancións, coa súa música e letra déronlle ao pobo algo moi importante, autoestima. Esa noite Tereixa Novo deunos moito máis, como se estivesemos nun xuízo público, ela na televisión española indicou cal era a causa e claro había quen tiña a culpa, desde logo non era o Lelo.

Penso que agora que se celebran estes cincuenta anos do grupo, que hai unha exposición para visitar en Compostela que non debemos perder, unha mostra en que estaremos cada unha de nós, destinatarios das súas interpretacións... Penso que estaría moi ben recuperar ese programa para termos máis datos do que xa sabemos, a implicación na defensa da cultura e da lingua do país do grupo, todo o seu magnifico traballo ao longo dos anos, a posta en valor da poesía do país.

O día 14 deste mes asistín ao acto que publicitaba a exposición sobre o grupo, e alí estaba Fuxan os ventos, tamén quen colleu outros camiños, tamén quen xa non está connosco. Eu lembrei algo moi persoal, é no que máis tocan as cancións; lembrei a zona de coidados intensivos do hospital universitario de Mainz, onde estaba en coma o meu compañeiro, lembrei toda a música que lle poñía, a sintonía da súa vida que el se encargara de me aprender, nesa sintonía había unha parte final moi galega, desde Uxía, Guadi, Berrogüeto, Marful, Peón, Magín Blanco... e Fuxan os ventos. El empeñárase en aprender a tocar coa guitarra, "O carro", por algunha parte quedou "sementeira" traducido ao alemán, dáballe voltas á "Muller" por ser letra da súa amiga Marica Campo.

Leveille toda esta música e sei que o seu silencio non o debía de ser tanto, e eu que non sei cantar, atrevínme coo tema de Manuel Alegre e dicíalle "Meu amor é mariñeiro" e para convencerme da súa partida creo que aceptaba que ninguén o podía amarrar, nin a vida. A música que lle axudou a ben morrer a min mantívome na vida. O 14 era o seu aniversado, obrigada por todo.

Comentarios