Anna Turbau e as mulleres do pobo
Fun lectora de galego na Universidade de Tréveris, onde estaba o Galicien Zentrum dirixido polo profesor Kremer, que entendiamos como a embaixada de Galiza, para ofrecer unha imaxe da identidade do país real. Foi entón cando no ano 1997, acordamos en colaboración co CGAI, que dirixía X. L. Cabo, traer a exposición, "Santiago, pequena historia natural" e convidar á fotógrafa Anna Turbau, que viu acompañada con Llorenç Soler e do escritor X. L. Méndez Ferrín. Foron uns días intensos naquel remate de primavera, con moito público asistente de Alemaña, Bélxica, Francia e, sobre todo, do Luxemburgo, onde había diferentes colectividades e comprometidas da Península Ibérica; unha parte achegábase para escoitar Ferrín, outra, para ver a exposición e unha actividade descubría a outra. A exposición situouse na biblioteca da Universidade, foi un éxito e non pasou desapercibida. Santiago non era só o remate dunha peregrinación, de moda, era a cidade das súas persoas moradoras, tan ocultas ás veces. De Llorenç realizamos varios pases dos seus documentais, "Autopista: unha navallada na nosa terra" e "O monte é noso", que en Trier comprenderon e aplaudiron moito.
Falei moito con Anna Turbau e gardo moitas imaxes, algunhas que a fotógrafa despois nos enviou. Marabillouse da quietude das beiras da Mosela, que lle lembraba a paz que lograba en Calatañazor, que a sandaba das feridas que lle deixara o estrés ao que estivera sometida na TV3, por pertencer ao Comité de Empresa e defender dereitos. Contoume que a fotografía era a súa vida, primeiro para gardar as historias, memoria do pobo e, xa naquel momento, como terapia. Faloume de todo o que lle dera Galiza, da maneira de entenderse coa ollada, das súas amizades para sempre e da responsabilizade que pactou co pobo, sobre todo coas mulleres que a deixaran impresionada nas mobilizacións sociais. Contoume das fotografías de Conxo, da imaxe perturbadora da nena da moneca, que tardaríamos aínda anos en poder ver. Hai unha ponte de unión ética e estética entre Turbau e Castelao, que se ve nesa fotografía da muller ao pé da cama onde agarda pola morte o home, impresiona o diálogo real entre estas olladas. Sentía que esa imaxe a definía. Entendín que era a dignidade o que retrataba, que sabía ser quen disparaba e converterse no seu propio obxectivo.
Emociona ver a Soto na escola de Mondariz onde fora mestre republicano rodeado de rapazada, as mariscadoras, as mulleres na loita contra a autoestrada, as acrobacias dos ciganos, a alegría do Asesino, a ameaza das cruces enmarcadas, as manifestacións, a roupa das monxas de clausuro, unha folla de bacallau en Compostela. Emociona a nena do alambique portada da Festa da palabra do ano 88.
Conmociona a fotografía que me segue a revolver por dentro, que Anna me contou, o abrazo da nai, a súa filla de 8 anos, violada, coas súas irmás de 4 e 6, en Vigo no ano 1977, nesa reportaxe para Interviú de P. Conde e imaxes de Turbau. Conmociona, doe e finalmente, reconforta na aperta da nai e na ollada ética de quen tamén salva á nena, a fotógrafa.
Grazas, Anna, por documentar a nosa historia, pola dignidade que sempre vai estar aí, na man armada con paraugas, na cabeza cuberta cunha verza, nas mulleres do pobo e en toda a sabedoría que transmiten, na rebelión que nunca foi calada, polas mans dadas.