Opinión

A saga dos Abente: Anfitrións dunha Rosalía moza

Un convite da Fundación Rosalía para falar sobre a estadía da poetisa en Muxía lévame a indagar na xenealoxía da familia Abente. Mergúllome nesta familia porque Rosalía vai a Muxía para pasar a romaría da Barca. Era o ano 1953, e vai porque era amiga dos Pondal, de Eduarda e de Eduardo, que estaban emparentados cos Abente, de Laxe e de Muxía. Normal convidar a unha amiga a unha das romarías máis célebre e multitudinaria, porque esta era e é unha romaría para ir en grupo: unha parroquia, familia extensa, agora máis grupos de amigos. Era así e seguirao sendo, unha romaría espléndida e concorrida, como xa dixera Murguía nos Precursores.

Facemos caso ao escritor Paul Theroux quen, falando da reducida taxa de natalidade en Europa, di que é importante contar a historia de calquera familia numerosa. Da que imos falar era numerosa e foi importante nun momento histórico. Hoxe, a cartografía dos apelidos de Galicia non rexistra Abente.

Os primeiros datos que temos lévannos á parroquia de San Fins de Anllóns, onde encontramos a Andrés Abente Costoia. O seu fillo Ignacio casará en Laxe con Xosefa Vales, filla do administrador das rendas reais, e levará o traballo do sogro. O fillo deste casal, o terceiro Abente que coñecemos, casa cunha cormelá, con Rosario Chans Mourelle, e van ter once fillos, aínda que dous morren ao pouco de nacer. Entre esta prole destacamos tres: Eduardo, Leandro e Ánxela. E aquí atopamos algo que é costume nesta familia: a repetición de nomes entre os irmáns. Así, temos un Eduardo e unha Eduarda Abente Chans e Eduardo será padriño da irmá. Eduardo, que era crego, tamén facía versos “de quen só quedan recordos entre os máis vedraños da familia”, dixera López Abente cando entrou da RAG relembrando aos poetas da súa estirpe: os dous Eduardos e a Victorino.

Leandro e Ánxela son os que inician a nosa historia, porque Leandro casa para Muxía con Manuela Lago, e Ánxela para Ponteceso con un Pondal. Leandro e Manuela serán os pais de Ezequiel, de Victorino e de Victoriano, entre outros doce máis e nacidos entre 1842 e 1861. Quince fillos en dezanove anos. Ezequiel, médico militar atenderá aos soldados que chegaban de Cuba ao porto coruñés. Victoriano tamén era médico e Victorino marchou para Paraguai para ser un poeta de referencia na literatura e na historia dese país, mais tamén nos deixou unha manchea de poemas en galego: nun deles recolle a microtoponimia muxiá, noutro danos unha receita de como facer a caldeirada. E podemos nomear a Balbina, outro nome que se repite na saga, que será  nai de Horacio Bermúdez, quen tras a represión marchará á Arxentina e fundará Edicións Muxía, publicando Decrúa aos tres anos do pasamento do poeta Gonzalo López Abente.

Ánxela será a nai de Eduarda e de Eduardo Pondal. A relación das familias era intensa, como demostra que tanto Eduarda como Eduardo apadriñan cada un dous fillos de Leandro e Manuela Lago, outra Pondal Abente apadriñará a outro Abente Lago. Isto lévanos a entender que os Pondal visitaban frecuentemente aos tíos e curmáns muxiáns, que había unha relación forte.

Será esta familia Abente Lago a que acolla a Eduardo Pondal cando era unha “garrido rapacete” que ía a Nemiña estudar latín e a Quinto Curcio, entre outros. Acollíase nunha casa no lugar de Queiroso, onde os Abente tiñan terras, e desprazábase un quilómetro até a casa particular do crego Cristovo Lago, emparentado coa súa tía Manuela Lago. Sería aquí, nos Casás que están “ó pé do monte da Croa” e que “só de longe ven o mar”, onde o bardo se empaparía da toponimia local para converter estes lugares en referentes simbólicos do noso país: Agar, Armear, Baltar, Morpeguite, Porcar, Vaosilveiro, ...

Os Abente deron renome a unha localidade pequena e remota da Costa da Morte, como é Muxía. Eles acolleron a unha moza, Rosalía, que pasou un tempo na súa casa, casa que como dixera Victorino Abente, está “ó pé do monte Corpiño / junto da beira do mar”. Esta estadía de Rosalía deixaría pegada na súa obra: un longo poema no que mostra a alegría festiva dunha sociedade con vitalidade, e unha novela feminista e con aspectos autobiográficos, mais algúns destes aspectos poden darse no contexto muxián e a corentena de Rosalía permitiríalle empaparse da realidade das mulleres desa vila, entón pesqueira e panilleira.

Comentarios