Xosé Manuel Pavón e os significados da palabra "camarada"

A UPG vén de celebrar o seu 60 aniversario. Os membros da UPG trátanse entre si de camaradas. A min nunca me gustou esa palabra, polas súas reminiscencias falanxistas. Os máis vellos lembrarán aínda aquilo de: "Yo tenía un camarada…". O falanxismo impregnou todo durante anos.

Aquí non vou falar da UPG, pero si dun dos seus primeiros militantes, Xosé Manuel Pavón, alguén que podería encarnar o sentido desa expresión no ámbito da esquerda, que tamén a utilizou moito.

Xosé Manuel Pavón afiliouse en 1968. Nos setenta, a policía arrincoulle a metade da barba, a tiróns. Daquela a barba era un símbolo recente. Alí estaban, triunfantes, os barbudos de Sierra Maestra. Hoxe volve estar de moda, como unha forma de estilismo masculino, sen outras connotacións. A esquerda foi perdendo, paso a paso, a maior parte do seu capital simbólico.

Ao Pavón débolle boa parte do máis valioso que sei sobre o nacionalismo, para alá dos libros e das consignas. Aquí vou lembrar só tres anécdotas. Un día de primavera, dando un paseo, díxome: "Vés todos eses grupiños de xente? En todos hai alguén de AP (siglas do que despois sería o PP). Nós seremos algo o día que teñamos tamén alguén en cada un deses grupos". Era unha forma práctica de expresar a necesidade de introdución social. A clandestinidade non conseguira illalo nin modificar a idea que tiña da xente.

Tamén me contou como, tendo uns 20 anos, e como representante do nacente sindicalismo nacionalista, acudiu a falar a unha importante asemblea de traballadores. Alí, os militantes do PCE e CCOO, de maior idade, tiñan máis experiencia e predicamento. Cando un destes membros do PCE e Comisións, que dirixía a asemblea, o presentou a el, fíxoo con estas palabras: "Ahora os va hablar el rapaz este y, para más carallos, lo va hacer en gallego".

Pavón foi expulsado da UPG en 1979. Lembro que, unhas semanas despois, estabamos a tomar un viño no bar Capitol de Monforte, de onde eramos veciños os dous, e de repente díxome que debía entrar no partido. Asombrado, contesteille que como me podía dicir iso, se el acababa de ser expulsado. "Iso é cousa do comité de zona de Lugo", respondeume, "pero o que o importa é o país".

Pode que estas anécdotas, e as ideas que expresan, resulten hoxe inxenuas, pero o certo é que axudaron moito a determinar a miña actitude futura.

Unha declaración oficial do goberno español vén, nestes días, de recoñecer que Xosé Manuel Pavón, xunto con outros activistas da época, "padeceu persecución por razóns políticas e ideolóxicas", que se concretaron en "privación de liberdade, torturas e maos tratos".

Creo que o Pavón é unha desas persoas que lle dan sentido á palabra "camarada", un sentido non sectario, senón o daquel que está ao teu carón cando o necesitas. Na fin de contas, as palabras teñen o significado que lle queiramos dar.

Comentarios