Opinión

A traída dos restos de Castelao, unha polémica e un xiro de guión

Hai corenta anos e uns días que os restos de Castelao volvían a Galiza. O mellor recordatorio veu da man do Museo de Pontevedra, por medio dunha exposición comisariada por X. Enrique Acuña. Tratábase da reportaxe gráfica, realizada por Xan Carballa para A Nosa Terra, o 28 de xuño de 1984. Non houbo moitas máis lembranzas, salvo a circulación por redes das imaxes que a TVE ten dos feitos, locutadas por Tereixa Navaza. Unha emisión de varias horas que lle valeu o posto á xornalista e ao director do centro rexional, Alexandre Cribeiro.

Pero, por que lembrar agora un acontecemento que xa é historia? Primeiro, claro, porque a historia é bo coñecela. E, en segundo lugar, porque a protesta que o Bloque promoveu aquel día resúltanos, a día de hoxe, algo confusa.

O retorno de Castelao era un acto serodio, se temos en conta que Tarradellas volvera no 77 e Leizaola no 79. Os dous recibidos por multitudes. Pero tamén era un acto estraño, porque o seu cadaleito ía ser acollido por unhas institucións, a diferenza de Cataluña e o País Vasco, dirixidas polos herdeiros dos vitimarios. De non ser pola protesta, o retorno pasaría socialmente desapercibido.

O autor da iniciativa parlamentaria fora o nacionalista Camilo Nogueira, único deputado de Esquerda Galega. Os demais asentiron. Os outros tres deputados nacionalistas, os do Bloque-PSG, foran expulsados e non tiveron oportunidade de votar. Máis confusión.

Pero a historia case sempre proporciona o marco que permite entender mellor os feitos. O 23 de febreiro de 1981 tivera lugar unha tentativa de golpe de Estado que, a pesar de fracasar no fundamental, arrastrou diversas consecuencias. Froito daquela tensión, en Cataluña quedaba marxinado o poderoso PSUC, en Galiza rompía internamente o BNPG e a política autonómica convertíase no "café para todos".

Ao ano seguinte, tiña lugar a expulsión dos tres deputados, por unha norma aplicada de forma retroactiva, que os obrigaba a xurar a Constitución e o Estatuto, e que hoxe sería considerado un caso claro de lawfare. A sensación era a de que o sistema quería depurar todo aquilo que non aceitase, por activa e por pasiva, un marco, co rei na cúspide, do que agora estamos a ver mellor as fallas.

O acceso á Quintana, o 25 de xullo, fora prohibido. Volveuse permitir despois da polémica traída dos restos. Tras as eleccións de 1985, Beiras, como único representante do BNG, xuraba a Constitución cun caravel na man e coa outra sobre o Sempre en Galiza. En 1995, Camilo Nogueira entraba no BNG.

A polémica sobre o retorno sinala un cambio de época, entre a inercia histórica e o futuro.

Outro dato. En 2018 era exposto por primeira vez en Galiza, traído desde Bos Aires, o cadro de Castelao, A derradeira lección do mestre. O presidente da Xunta, Núñez Feixoo, describíao como "unha homenaxe ao maxisterio".

Comentarios