Opinión

Quen lle abre a porta á ultradereita?

A crise que vive Occidente non é cíclica. Obedece á dificultade crecente de competir con China. Occidente vai perdendo no seu propio terreo: o do mercado. Unha das consecuencias é o crecemento da extrema dereita.

Que é o que define esta corrente? En principio, a xenofobia, o antifeminismo, a crítica ás axudas públicas e unha visión falsificada da historia. Visto máis de preto, o cadro complícase. No novo Parlamento Europeo haberá catro grupos de ultradereita. Son diferentes. Le Pen apunta timidamente a un diálogo con Rusia, Meloni aproximouse xa todo o posíbel á OTAN.

É aínda un terreo movedizo. Se ao final gaña Le Pen, o probábel é que asuma a posición atlantista. Difícil que faga valer a excepción francesa. A extrema dereita italiana, sobre todo por parte de Salvini, tiña certa simpatía por Putin, pero foi antes de acadar o poder.

Tampouco parece que o núcleo da UE vaia quebrar por causa dun achegamento a este sector. Máis ben, todo apunta en sentido contrario. Von der Leyen xa falou con Meloni. O lavado de imaxe comezou e pronto virá a aceptación pragmática e probabelmente a integración. Integración, enténdese, no grupo dos que contan na UE. 

A pregunta de exame non será o feminismo, que é matizábel (o veto a Irene Montero foi quizais un anticipo), nin a inmigración que xa empeza a ser regulada, nin a liberdade de prensa (basta con recoñecer que a mentira non é privativa dos pequenos medios denunciados), nin as privatizacións (que sempre figuraron no cerne doutrinal do neoliberalismo), nin a censura que xa existe para os medios rusos, nin a represión, dado que xa se aplican as leis mordaza, senón a fidelidade á OTAN, sen fisuras.

Cabe preguntarse entón cara onde se orienta Europa? A resposta, que debería ser entendida en todo o seu sentido dramático, é a guerra. O directorio da UE, formado por socialdemócratas, conservadores e liberais, todos con amplo avoengo democrático, comeza a falar, nos respectivos países, da recuperación do servizo militar obrigatorio. Os Estados, incluído o español, aproban gastos en armas cada vez maiores, sen que medie ningún debate parlamentario nin social.

O belicismo é unha das características máis típicas da extrema dereita. Aí están os libros de historia para confirmalo. 

É probábel que a ambigüidade política que aínda persiste se aclare en poucos meses. Os Estados Unidos convertéronse nun hexemón complexo e adaptábel ás circunstancias. Un poder unido no centro, pero diverso no seu aspecto e con estratexias híbridas.

Queda outra pregunta. Por que a esquerda, cando menos a occidental, non aproveita a crise no seu favor? Sintetizando, diríamos que a cultura socialista e comunista sufriu un forte desprestixio, sobre todo en Europa, desde os anos oitenta, e aínda máis tras a caída da URSS. Iso chamouse o fin da historia. Fronte ao relato norteamericano non existe xa un modelo coherente que opoñer, salvo o pluralismo, o soberanismo e, o máis urxente, o pacifismo. A consigna hoxe é o non á guerra. 

Comentarios