Os extravagantes no franquismo
No Saviñao houbo un mestre de apelido Varela, ao que algúns, con agarimo, chamaban Vareliña. Era un bo mestre, con moito humor e bastante sede. Lémbroo sempre cunha rosa encarnada no ollal da chaqueta. Ás veces dicía frases en galego, algo inédito no maxisterio daquel tempo, e usaba algunhas expresións consideradas groseiras, que xustificaba dicindo que eran naturais e que non tiñan nada de malo. A súa imaxe algo extravagante permitíalle mostrar unha franqueza da que os demais carecían.
Na rúa do paseo de Monforte, que os locais chamamos o Cardeal, lembro tamén un socialista, que formara parte da 112 Brigada Mixta da República. Chamábase Marceliano Núñez Potenciano. Un nome e un segundo apelido, como se ve, pouco comúns. Nacera en Estremadura e nunca perdeu o acento. Fundou un negocio boiante, situado na mesma rúa, a imprenta Fénix, chamada así porque el, como a ave Fénix, conseguira rexurdir das cinzas. Ás veces paseaba un pato. E gustáballe meterse nun portal para observar como o pato se desesperaba buscándoo. A diario lanzaba imprecacións, en pleno Cardeal, contra Franco, contra os ministros e contra o réxime na súa totalidade. Ninguén lle dicía nada.
En case todos os lugares había algunha persoa así. Nos cafés das vilas, aos que non acudía moita xente do común, acostumaba ser habitual algún destes personaxes que se saía da norma. E pode que na mesa do lado xogasen a partida varios policías de paisano que o coñecían e toleraban cun sorriso.
Os signos de excentricidade eran unha forma de salvarse dos rigores da época, sobre todo do rigor clerical e do castrense. Fronte ás autoridades que se fotografaban na prensa oficial da provincia, despois de cazar unha das últimas pitas do monte nos Ancares, con figura hierática e gafas negras, estaba tamén un escritor e xornalista como Ánxel Fole, que saía nas imaxes apoiado na parede, co traxe descolocado e a gravata frouxa.
As coñecidas en Santiago como as Marías, dúas irmás que hoxe gozan dunha escultura na entrada da alameda, moi maquilladas e con prendas vistosas, daban unha imaxe colorista. Tres dos seus irmáns da CNT foran perseguidos e torturados. A familia quedou na ruína e elas mesmas foran acosadas e humilladas. Ao seu modo, co seu estilo, seguiron mostrando a súa diferenza, a que lles era permitida.
Se alguén era visto como raro, non podía ser un referente e polo tanto non supuña ningunha ameaza para o réxime. Certa extravagancia tamén lle podía servir a algúns para mostrarse liberais, como o Camilo José Cela que dicía tacos por televisión e escribiu o seu Dicionario secreto, famoso naquel momento, dedicado ao estudo das palabras malsoantes.
A extravagancia era un pasaporte para poder vivir sen as fortes restricións morais da época, para poder respirar. O prezo era non ser tomado en serio e non servir polo tanto de exemplo. Era unha forma de disidencia tolerada, inofensiva, ás veces mesmo potenciada, como no caso de Cela, que lle proporcionaba ao réxime unha válvula de escape.