Castelao para escépticos

Celebramos a Castelao, un ano máis, con calquera motivo: un aniversario, unha biografía, unha película, pero sempre hai quen se resiste. Algúns seguen mirando con paternalismo a súa pintura, coma se o propio Castelao non fose consciente da súa opción e non tivese razóns para pintar así. Viaxou a París, a Bélxica, a Alemaña. Coñecía os impresionistas e tamén os dadaístas, dos que opinou con desprezo no seu interesante Diario 1921. Visitou os museos e analizou as novidades dunha época moi rica nelas. Pero xa tomara o seu camiño.

Lembreime diso lendo uns vellos escritos de Edward Hopper, un pintor moi apreciado. A súa imaxe dos Estados Unidos, sobre todo dos anos corenta e cincuenta, resúltanos icónica e moi evocadora. Era un pintor non vangardista e tamén intemporal, polo seu retrato da soidade moderna. Hopper nacera en 1882. Castelao en 1886. Hopper viaxou igualmente a París e ten algúns primeiros cadros influídos polo impresionismo. Pero volveu aos Estados Unidos e intentou recrear unha visión autóctona.

Afeitos como estamos ao cosmopolitismo norteamericano posterior –abondaría con citar a Pollock ou a Rothko–, ignoramos esa loita anterior dos artistas estadounidenses por crear unha arte propia, non mimética, inspirada na súa realidade.

Nun texto de 1927, Hopper critica o baleiro de certos pintores que transitan entre o vello e o novo e a cada pouco regresan a Francia para corrixir a súa mercancía de forma acorde á nova moda. A súa tendencia ao plaxio –di– "nunca foi tan explícita nin as súas fontes tan evidentes". E despois inclúe unha frase que casa moi ben co escrito por Castelao no seu Diario: "O tempo hase ocupar deste tipo de artista cuxa falta de visión persoal o obriga a copiar os métodos doutros".

Hopper busca frescura e mostra interese pola "primeira arte americana". Nesa liña, e nun texto do ano seguinte, analiza a obra de Charles Burchfield, gabando a súa honradez, a falta de vaidade e a ruptura de tabús. "Baséase claramente non na arte, senón na vida", outra afirmación coa que se identificaría Castelao. "Non teme quedar só –di Hopper–, sostido pola súa propia simplicidade. Non aspira a ser cosmopolita nin sofisticado, por medo a ser considerado provinciano".

Hopper observa ademais a obra de John Sloan, pintor e debuxante de forte compromiso social. A súa mirada directa, a súa mordacidade ou a súa expresión da vida íntima e cotiá mostran tamén parentesco coas ideas e a obra de Castelao.

É fácil dicir que as diferenzas destes americanos co noso pintor son tamén moitas, tantas como as sociedades que os inspiraron. Pero quedémonos coa idea, para todos eles primordial, de que buscaron a ollada propia, que aprende do exterior, pero que na mesma medida rexeita a repetición e a banalidade.

Unha análise similar merecería o mundo literario. Os primeiros grandes autores norteamericanos, moi influídos aínda polo prestixio británico, desenvolveron tamén un enorme esforzo por crear unha literatura que se puidese chamar nacional.

Comentarios