Trump, o relato da paz alentando a guerra

Seica o acordo en materia de aranceis foi positivo para ambas partes, a Unión Europea (UE) e Estados Unidos (USA); mais os contidos son un triunfo para Trump, e así o reflectiu a escenificación da presentación nun campo de Golf en Escocia. Ademais, do tema das tarifas o texto contempla importantes investimentos, 600 mil millóns de dólares en “sectores estratéxicos”, e adquisición de enerxía por valor de 750.000 millóns (aínda que en ambos a última palabra está en mans da empresa privada). Hai que ter en consideración a merca de armamento USA, cun gasto na OTAN que en poucos anos vai triplicar o actual. As cifras son tan altas que son moitos os/as analistas que din que resultara moi difícil que a UE cumpra con estes compromisos. Por exemplo, na importación de gas, porque superaría as capacidades de exportación dos USA nos vindeiros anos. Que o acordo sobre aranceis terá consecuencias negativas para Galiza é evidente. Até onde chegaran?... Con USA mantemos un comercio reducido. Importamos por 1.200 millóns e exportamos por 800 millóns; ou sexa: temos un saldo negativo.

Agora ben, mentres a maior parte dos produtos exportados pola UE terán un arancel do 15% sobre o prezo en orixe, nalgúns como o aceiro e aluminio será dun 50% (xa que non están afectados polo arancel de referencia). Pola súa banda as importacións de bens dende USA, agás casos moi excepcionais, terán unha tarifa do 0%. Polo tanto é lóxico que Trump estea tan contente, porque fai menos competitivos os produtos europeos en relación cos fabricados nos Estados Unidos (mesmo que estes cambios non sexan inmediatos), e garante investimento de capital externo. Por se non abondase, ademais fortalece a estratexia de suba de aranceis fronte a outros países, obrigándoos en caso de que queiran manter o nivel das exportacións actuais a buscar novos mercados ou/e reducir prezos en orixe (e polo tanto rebaixar as condicións laborais, impostos, prestacións sociais, así como beneficios empresariais; máis do primeiro, como norma).

Outra das consecuencias é o aumento do prezo en destino do ben importado, o que reduce a capacidade adquisitiva da poboación nos Estados Unidos e dá azos, a medio e longo prazo, á substitución dunha parte das importacións. Ademais, aumenta os ingresos do Estado e como contrapartida, xa que deixou claro as súas prioridades, Trump rebaixará impostos aos máis ricos. Resulta evidente que un marco económico deste tipo ten incidencia directa sobre as corporacións norteamericanas (que foron as que máis se beneficiaron da globalización do mercado de bens e servizos), e que Trump espera que potencien a reindustrialización (cada vez máis ligada ao complexo industrial militar e á intelixencia artificial... tamén ao dólar?). Haberá que ver en que medida isto é posíbel, nun mundo con cambios tan profundos na demografía, e do papel no proceso produtivo das potencias emerxentes e países periféricos cun importante rol na produción de minerais e industrialización de base?...

Unha estratexia de recuperación da hexemonía en todos os ámbitos practicada por parte de USA, que necesita que se manteña o escenario de confrontación militar, económica, cultural,... aínda que Trump utilice na escenificación do relato e bandeira da paz, por exemplo na Ucraína (cando é o maior fornecedor de armamento e da loxística).

Agora ben, esta imposición agresiva nos contidos e nas formas, na práctica concreta, malia a inmensa propaganda e o control do relato dos medios de comunicación sistémicos, a medio e longo prazo debilita aos Estados Unidos (e aliados) como potencia e modelo de referencia no mundo. Porque os feitos, a realidade cotiá, a crise económica e social constante, á desfeita ecolóxica, a falta de perspectivas de futuro da mocidade, van ligadas á sobre explotación asociada á agresividade no relato, e a un modelo económico e social esgotado. Daquela, estes “triunfos” de USA no económico, como os relativos aos aranceis e investimentos forzados, non serán quen de frear o avance do multilateralismo. En boa medida porque a estratexia USA está asociada á imposición, ao xenocidio (Palestina), ás sancións e conxelación de activos contra unha das partes en conflito, ademais das sancións a segundos países (é dicir, aqueles que comercian con nacións coas que existe unha confrontación militar, económica, política), deixando en evidencia unha dobre vara de medir. E sobre todo, o máis grave, que xa non pintan ren os organismos internacionais porque todo está supeditado aos intereses e decisións autoritarias de Washington. Está é a razón do progresivo aumento de países asociados aos BRICS, e daqueles que se suman aos procesos de loita pola soberanía, como as revoltas das nacións subsaharianas que rexeitan o neocolonialismo en calquera das súas formas.