Rusia e seu grao de desenvolvemento

Os organismos internacionais ofrecen datos sobre o PIB de cada país, tanto na capacidade de merca real (PPA) como no cambio nominal en dólares do produto interior. Normalmente este ultimo é o que se toma como referencia para realizar as comparacións entre eles. Faise mesmo en casos nos que esta valoración distorsiona a produto interno real, por exemplo, cando se trata de países que teñen unha capacidade interna produtiva, de materias primas e produtos elaborados, moi importante e diversa. Unha produción interna que reduce ao esencial as importacións, ou porque existen condicións para poder conseguir este obxectivo en pouco tempo, como se amosou na Federación Rusa (FR); daquela a baixa taxa de desemprego (do 2,3% en outubro de 2024). Consecuencias: o fracaso das sancións impostas polos Estados Unidos e aliados (que participan indirectamente a través da OTAN no conflito armado entre Rusia e a Ucraína).

Un dato relevante sobre o Produto Interior Bruto (PIB). No ano 2023 o PIB da FR en PPA foi de 6.454.000 millóns de dólares en valores de PPA mentres que tendo en conta o cambio nominal de rublos a dólares era de 2.023.000 millóns. Tres veces menos!!! O que amosa que a utilización deste indicador cando se valora a economía real faise por interese político, como parte da loita polo relato. En ambos casos debese clarificar cales son os criterios que se utilizan pra escolla dun ou doutro criterio. Outro dato que non se pode ignorar é que a FR ten a metade de habitantes que Estados Unidos e dez veces menos que China ou India. Polo que cando se compara o gasto militar dos Estados Unidos (913 mil millóns en 2023), con Rusia (sobre 110 mil millóns), en dólares nominais a diferencia resulta abismal. Daquela que USA sexa o maior complexo industrial industrial-militar, e exportador de armamento, senón que ademais en termos económicos estea sobrevalorada. Mesmo así, Rusia é a maior potencia nuclear, ten un exército considerábel, é un gran exportador de armamento. E isto só é comprensíbel se consideramos o gasto en valores de PPA.

Respecto de Rusia non se pode obviar que: "Como o país máis grande do mundo, a súa ampla xeografía é determinante para a súa actividade económica, xa que algunhas fontes indican que o país posúe máis do 30% dos recursos naturais do mundo [...] sendo considerada unha superpotencia enerxética" (Wikipedia). Pola súa banda o sector secundario: "É 32,5% do PIB, desempeña un papel importante na economía e emprega 26,9% da poboación activa. A FR ten unha gran variedade de recursos naturais, cunha preeminencia petróleo e gas natural, madeira, xacementos de volframio, ferro, diamantes, ouro, platino, estaño, cobre e titanio. Rusia herdou a maioría das empresas industriais da Unión Soviética. Os sectores máis desenvolvidos son a minería, cun 9,5%, as industrias cun 13,5%, a electricidade, o gas e a auga un 3% e construción 6,4%" (Basque Trade Rusia, 2019). En poucas palabras a FR non é só unha “gasolineira”, nin só o segundo complexo industrial militar. Tamén hai que engadir unha industria mais variada e a formación técnica e científica dunha parte considerábel da poboación, que comezou hai un século (coa URSS). Este último é un importante activo económico!!!

Respecto da situación actual, salienta o Banco Mundial: “Rusia entrou dentro das economías de altos ingresos. A actividade económica en Rusia viuse influenciada por un gran aumento da actividade relacionada co exército en 2023, mentres que o crecemento tamén se viu impulsado por unha repunta do comercio (+6,8%), o sector financeiro (+8,7%) e a construción (+6,6%). Estes factores levaron a aumentos do PIB tanto real (3,6%) como nominal (10,9%), e o INB per capita en Rusia que creceu un 11,2%". Resulta evidente que un país grande ou pequeno que teña unha gran dependencia exterior, tanto en materia de exportacións como de importacións, ou de ambas, máxime se representan un peso importante en relación co consumo interno, son moi sensíbeis ás sancións externas, así como ao xogo da Bolsa e as variacións das cotizacións da súa moeda respecto do dólar (que ate agora é a moeda de referencia no mercado internacional). Non é o caso de Rusia. Mais aínda, malia que sexa un proceso con custes, contribúe ao fortalecemento da economía interna, con todo o que isto implica en termos de efectividade nas políticas públicas. Isto incide no proceso de desglobalización? Esta é sen dúbida outra consecuencia, con moitos matices, digna de tela en conta.