Mocidades Galeguistas: federalismo e arredismo

No ano 1932 naceron as Mocidades Galeguistas por iniciativa do Partido Galeguista. Compostela, Coruña e Ourense foron as cidades nas que primeiro se implantou; nesta última tivo unha importante presenza, así como en varias vilas da provincia (Celanova, Bande, Allariz, Maceda...). Asemade na cidade das burgas, chamada daquela a “Atenas de Galiza”, fixéronse todas as asembleas xerais, sen dúbida debido ao grao de implantación e dinamismo que tiña nesta zona. A Federación de Mocidades Galeguistas fundouse en xaneiro de 1934. A 1º asemblea realizouse en maio de 1934, en Ourense, é foi elixido Fernández del Riego como secretario xeral.

As Mocidades Galeguistas chegaron contar con 45 grupos e 13 delegacións, cun milleiro de afiliados/as (Celanova 90, Compostela 80, Vigo 60, Ourense 58, Allariz 32, Bande 29, etc.), con moita máis actividade no sur que no norte de Galiza. A medida que foi pasando o tempo afastouse cada vez máis organicamente do PG, aínda que colaborou nas campañas e actos que o partido programaba. Até 1935 utilizou como voceiro A Nosa Terra, inserindo no periódico unha folla, porén a partires deste ano comezouse a editar “Guieiro”, do que saíron do prelo 13 exemplares.

Esta organización xuvenil estivo cruzada, como acontecía co Partido Galeguista, polos debates estratéxicos, aínda hoxe presentes no nacionalismo, como son: se federalismo ou unha soberanía nacional plena (arredismo); se debe existir algún tipo de alianza coa esquerda estatal e até onde debe chegar; e se ter unha actitude radical ou moderada na práctica política. Foron discusións que se enguedellaron e nas que non houbo dúas posturas moi definidas e sempre enfrontadas. No debate tamén incidiu a ruptura da Dereita Galeguista co PG, por mor do pacto coa Fronte Popular.

Todo indica que as alianzas fixéronse sobre todo en función das grandes definicións estratéxicas. Nomeadamente as Mocidades Galeguistas facían do galeguismo a súa marca de identidade, e non tanto pola confrontación esquerda dereita, aínda que este aspecto tamén estivo presente nos debates. A definición nacionalista das Mocidades completábase co antiimperialismo e a procura dunha federación internacional de nacións.

Entre a 2ª e 3ª asemblea o arredismo foi o discurso dominante. Os dirixentes deste período foron Xosé Velo e Celso Emilio Ferreiro, ambos das Mocidades Galeguistas de Celanova. Ademais de Xosé Nogueiras de Allariz, e Vicente Bóveda. Na 3ª asemblea, realizada en maio de 1936, destaca a proposta arredista de oposición a calquera acordo cos partidos estatais, que sería derrotada, optando a asemblea por 439 votos contra 331 apoiar a alianza coa Fronte Popular e a campaña do Estatuto de Autonomía.

O Estatuto era considerado polos arredistas das Mocidades, e tamén pola Organización Nacionalista Pondal de Bos Aires, como unha traizón aos anceios de liberdade nacional de Galiza. Agora ben, na práctica, malia ficar moi lonxe das aspiracións nacionalistas, ollábase por moitos como un avanzo a respecto da situación existente, o que sen dúbida engadiu votos á proposta federalista (pro Estatuto), sumando o apoio daqueles que coidaban necesaria máis flexibilidade na conxuntura. Ademais foi presentada aos delegados/as unha enquisa feita entre persoeiros do PG, como Bóveda e Plácido Castro, na que recomendaban o apoio ao Estatuto e unha postura galeguista de esquerdas, que tamén debeu pesar o seu.

Un dos xovens militantes que acudiron a esta asemblea era Elixio Rodríguez, que nunha das súas moitas viaxes a Galiza desde México, onde se exiliou por mor do golpe de estado franquista, dicíame nunha reunión na súa casa de Bande que: “daquela arredistas eran todos/as os das Mocidades, eso do federalismo era pra non asustar á xente, que estaba moi mediatizada polos partidos estatais e os poderes facticos”.