Opinión

A mobilización, conciencia e a hexemonía do relato

Este 1º de maio as mobilizacións da CIG acolleron un número de manifestantes maior ao de anos anteriores en case todas as cidades e vilas. Por exemplo, na realizada na Coruña calculo que a participación superou as 1.500 persoas, axuntando máis xente que a realizada por CC.OO-UGT, malia o protagonismo que os medios sistémicos lle dan a estas centrais sindicais, porque fan do pacto o seu eixo da acción sindical. Ademais, un dato de importancia a ter en consideración é que había unha presenza salientábel da mocidade e de familias. 

Este bo resultado das manifestacións non é casual e obedece a dúas razóns fundamentais. Unha delas: o medre constante do descontente pola perda do poder adquisitivo dos salarios que contrasta cos grandes beneficios da maioría das corporacións, así como as dúas reformas feitas polo Governo, a laboral e das pensións, que deixan pendentes conquistas perdidas con governos anteriores, tanto do PSOE como do PP (como é o caso dos salarios de tramitación)... A outra causa para este aumento da participación, e que depende en gran medida das organizacións sindicais, sociais e políticas alternativas so sistema, son: os logros económicos, sociais e democráticos, obtidos nas múltiples folgas e mobilizacións. No ámbito laboral coa CIG na primeira liña. O que permitiu reverter retrocesos e en non poucas loitas conquistar mellores salarios, condicións laborais, e prestacións e servizos públicos esenciais. É verdade que non todo foron éxitos, mais houbo conquistas importantes, que se deben lembrar, xa que é fundamental fixar a importancia de ligar participación e mobilización na conciencia colectiva como sinónimo de avances. Non podemos esquecer nunca que os medios e comentaristas de todo tipo, converten en rapidamente perecedoiro todo aquilo que non é funcional ao sistema.

Son conflitos, mobilizacións, relatos e follas de ruta, que reflicten, na práctica, que a conflitividade laboral dos últimos anos, as melloras salariais e laborais acadas pola acción reivindicativa combativa nos convenios por parte da CIG, non só ten resultados en relación co medre da afiliación, o prestixio da central, e a participación activa nos conflitos de empresa e sector, senón que ademais (aínda que o proceso de dixestión as veces leve máis tempo) incide na mobilización por obxectivos máis estratéxicos, sexan respecto da cuestión nacional ou da loita de clases. É dicir, que acción reivindicativa por cuestións moi concretas tamén eleva o estado de ánimo e crea conciencia política, nacionalista e de clase, cando o sindicalismo liga na súa propaganda, na súa acción cotiá, os obxectivos laborais, pola igualdade, pola defensa do ecosistema, pola lingua e cultura, etc. co proxecto de transformación do sistema e a soberanía nacional. 

Agora ben, non podemos esquecer nunca o control centralista e corporativo dos medios de comunicación (de todo tipo) do relato na sociedade. Así como as falsas expectativas sementadas pola esquerda neoliberal e outros proxectos seica “progresistas” que na práctica se acomodan ao capitalismo tanto nos obxectivos a curto como a longo prazo aínda que no seu discurso cuestionen a desigualdade. A loita das ideas na sociedade, a formación política e o debate interno, é fundamental, non só para os partidos que se presentan a governar as institucións políticas, senón para as centrais sindicais e outras organizacións de base, xa que os obxectivos estratéxicos só se poden atinxir plenamente e de xeito duradeiro cando os cambios nas institucións van acompañados da hexemonía do relato no povo, da mobilización, e do protagonismo da clase traballadora. Vexo esta ligazón nos discursos da CIG do 1º de maio, encetando polo que fixo o seu secretario xeral. Mais coido que, para alén do xa feito, que é moito, aínda cómpren máis recursos para se comunicar coa base organizada e o conxunto da clase traballadora e outras camadas populares. Sei que este obxectivo non é doado, mais é unha batalla que tamén se necesita gañar, e sen dúbida afecta como reto e problema ao conxunto do nacionalismo galego, democrático e popular.