Conciencia transformadora e mobilización
A mobilización laboral e social é moi importante na Galiza, abonda con ollar as páxinas web de partidos políticos, sindicatos e organizacións sociais e culturais que cuestionan o sistema, mais logo a percepción destas accións reivindicativas na sociedade é mínima a maior parte das veces. Resulta evidente que se debe en gran medida a que os medios de comunicación dominantes agochan, especialmente os xornais e canais de televisión, ou deforman a información destas protestas ou/e danlle un papel secundario.
Só se racha con esta percepción distorsionada da realidade en casos moi concretos, como na oposición social masiva á proposta de construción da celulosa Altri. Non se pode obviar que teñen a prol da súa instalación en Palas de Rei aos medios de comunicación máis importantes, o apoio da patronal e do PP e outras forzas sistémicas (e utilizando a falsa escusa da creación de emprego en áreas en retroceso demográfico). Entón: porque esta forte oposición, que confirman as masivas accións de protesta e as enquisas? Segundo EM-Analytcs, nun artigo publicado en Nos Diario, un 55,7% está en contra e só un 18% a favor da empresa celulosa.
Sen dúbida, este éxito das clases populares debese á importancia do tema, a unha empresa que coloca en perigo boa parte do sistema ecolóxico da comarca onde se vai instalar, ademais de ríos e costas afectadas. Porén, ademais practicamente todas as organizacións que se poderían mobilizar fan un esforzo especial e buscan abranguer nas accións de protesta e no discurso medidas e actitudes que favorecen a converxencia de todas as forzas comprometidas para evitar esta desfeita. Non sempre sucede deste xeito, non poucas veces o conflito redúcese ás partes directamente comprometidas, non só polo interese da patronal e das forzas sistémicas, senón por responder mecanicamente á ofensiva capitalista, aínda tendo posturas combativas, e ideas transformadoras.
Para evitar o reducionismo da resposta conta moito, ademais de priorizar os obxectivos, definir correctamente a folla de ruta e a política de alianzas, ter en conta no discurso e nas propostas o estado de animo que existe e o que se quere alentar. Unha tarefa que comeza por dar o debate na militancia da primeira liña, polas persoas directamente atinxidas, mais, axiña divulgar a análise e socializar o relato dirixido á maioría social, facendo do conflito tema de interese en todos os ámbitos para que contribúa á formación critica do subconsciente das clases populares. E cando se trata de temas laborais que chegue ao conxunto da clase traballadora potenciando a organización e mobilización sindical. Chegar á sociedade cunha radiografía de clase e nacional do problema, coa resposta xusta e unha vía que obteña resultados, é unha tarefa fundamental para que teña unha resolución positiva. Ou sexa, que fortaleza a mobilización hoxe e alente as vindeiras loitas. Aínda que sexa un esforzo extra cómpre facelo mesmo no conflito máis pequeno (que son a maioría). Non só porque crea conciencia social, senón porque liga o xeral e o concreto (politiza), e incide sobre a correlación de forzas, sobre o estado de animo, alenta a iniciativa, e abre novas expectativas.
Neste momento histórico no que o individualismo ten tanta forza, xa que se fomenta polas clases dominantes, mesmo como unha virtude, coido que é un erro pensar que se combate anulando unha visión moi achegada respecto da incidencia sobre a vidas das persoas, da explotación laboral, das políticas represivas, opresivas, antidemocráticas. A resposta debe ser sempre unha asociación moi forte entre o individual e o colectivo, o concreto e o xeral.
Cómpre facer unha reflexión sobre a relación do xeral co concreto, da súa intima ligazón, da necesidade de relacionalos na divulgación, na socialización, e polo tanto na formación das ideas no subconsciente colectivo. E isto é esencial naquelas loitas que están ligadas ás organizacións que defenden e mobilizan a prol dunha Galiza soberana, de xustiza social, solidariedade, igualdade, democracia, protección do medio ambiente,... polo que tenden a tratar no seu relato os conflitos circunscritos á problemática concreta, coa finalidade acertada de ampliar a base para conquistar a eliminación da explotación e opresión. Agora ben, para que estas loitas contribuían a acadar este cambio sistémico, todo indica que é unha tarefa importante ligar a vida cotiá, os sentimentos máis primarios, coas necesarias e urxentes transformacións do modelo no aspecto colectivo (nacional, de clase...).
Ou sexa, para fortalecer, alargar e conquistar a hexemonía, tanto na loita social e laboral máis cativa, como naquela máis ampla, sempre hai que deixar o máximo de semente, ligando o conflito actual co futuro, o persoal co colectivo, o local e sectorial, e todas estes aspectos coa cuestión de clase e a soberanía nacional. E iso hai que facelo tamén nos medios de comunicación propios e achegados, (boletíns, xornais, web...) e mesmo cando se poda naqueles que responden ao sistema. As organizacións son fundamentais, así como a permanente consulta e debate na base e aumentar ao máximo a pluralidade das voces que a reforzan, e entre estas tamén deben estar aquelas que forman parte da estrutura de base; este é o mellor xeito de deixar en evidencia o grao de apoio activo das clases populares á reivindicación que como colectivo os/as mobiliza.