Opinión

Día da Patria, crise sistémica, e multilateralismo

Poucos 25 de xullo, Día da Patria Galega, non sendo nos anos de caída da monarquía e transición, estiveron marcados por un contexto tan estremo e unha situación tan complexa. E todo indica que o vindeiro ano non será distinto. Fica evidente o fin dunha época, así como da dureza da disputa entre potencias. Óllanse como nunca antes os límites de querer dar unha resposta exclusivamente tecnolóxica, táctica e mesmo militar a un capitalismo na súa etapa senil. Os exemplos son dramáticos, dende o lume que o arrasa todo amosando a gravidade do cambio climático (e o despovoamento e desfeita económica do rural e a falta de medidas preventivas), até o estoupido da inflación, e o medre da desigualdade entre territorios e clases sociais.

Está en cuestionamento o modelo produtivo, o capitalismo, máxime nesta versión globalizada e neoliberal, ateigada de precariedade e desigualdade nos ingresos; mais tamén o modo de vida, xa que cómpre un equilibrio demográfico, reducir a mobilidade; non abonda coas “enerxías verdes”. Sen dúbida sería un paso no camiño correcto un acordo de paz na guerra entre Rusia e a Ucraína (+ a OTAN), e que outro tanto pase en Iemen, Etiopía, Siria,... conflitos dos que se fala pouco porén que multiplican o número de vítimas da guerra na Ucraína. Tamén sería un avance rematar coas sancións eliminando as trabas ao comercio e as políticas de cerco que converten ás clases populares dos países directamente afectados e aos dependentes en vítimas principais (Iran, Rusia, Venezuela, Cuba,...). Ademais hai que rematar coa especulación financeira e sobre as moedas das nacións que teñen un papel subordinado na cadea de valor imposta desde o centro, etc...

​Non axudan ao cambio as informacións e análises a parciais e que non entran no fondo das cuestións

Só nun mundo multilateral, recoñecendo a diversidade, cun axer responsábel, con solidariedade, poderanse levar adiante medidas globais para frear e reverter o cambio climático, impoñer a xustiza social e a solidariedade, e respectar a soberanía,... xa que son problemas de todos os países, de todas as clases sociais. Non entendelo así dá como resultado a confrontación actual entre o imperialismo hexemónico e as potencias emerxentes, o medre da explotación entre clases,... esta é unha folla de ruta que leva ao desastre, aínda que os Estados Unidos e a UE, e seus aliados, pretendan impoñer o relato único e demonicen aos países que queren facer valer a súa soberanía e ás clases que se opoñen á explotación.

Non axudan ao cambio as informacións e análises a parciais e que non entran no fondo das cuestións, co obxectivo evidente de construír no subconsciente colectivo un futuro prometedor, favorábel ao sistema e seus xestores, que só se concreta para as minorías, xa que na práctica contradí as tendencias dominantes. Por exemplo, sendo positivo que Galiza exporte máis do que importa, segundo ARDAN, obvia que estes beneficios se exportan logo en termos de capital xa que o investimento no exterior multiplica varias veces aquel que entra e xera riqueza no país (ademais non ten en consideración o comercio que mantemos co resto do Estado español, que é outro tanto, polo que se trata dunha foto parcial). Ou sexa, que en boa medida seguimos a traballar para os de fóra, daquela a nosa evolución demográfica, os baixos salarios, o menor medre do PIB...

A nación galega leva décadas perdendo peso no PIB e demográfico no Estado español, mais acentuouse cos governos da dereita, que utilizan a autonomía como recurso para o clientelismo electoral, e non como un marco de reclamación, de construción de país. Polo tanto todo amosa que unha nova crise económica, de non evitalo, sería pagada polos países dependentes e clases populares. Aínda así non son pesimista, coido que hai moita xente a traballar polo cambio, con responsabilidade. A protesta laboral e social na Galiza e no mundo irá a máis e seguirá medrando, e o avance do multilateralismo abre novas oportunidades ao ampliar o marco de participación. Desta capacidade de resposta, a sociedade galega seguramente será unha mostra na mobilización do BNG en Compostela este 25 de xullo, consecuencia de que o nacionalismo galego está na primeira liña, tomando a iniciativa da resposta laboral e social en ascenso.

 

https://obloguedemera.wordpress.com/

Comentarios