Opinión

Sen clase traballadora non hai cambio, tampouco liberación

 

No informe “Panorama Social de América Latina”, publicado pola CEPAL, referido ao ano 2017, analízase o efecto que tiveron na rexión tanto os salarios como as prestacións sociais na redución da pobreza. A CEPAL é un organismo para América Latina dependente da ONU. Segundo este estudo, entre os anos 2002-2008 a redución da pobreza “debeuse principalmente ao aumento dos ingresos laborais. Dos 15 países nos que houbo un medre apreciábel dos ingresos dos fogares pobres, os salarios representaron tres cuartas partes ou máis de dito aumento en oito países”. Ou sexa que os salarios foron fundamentais para reducir a desigualdade e rebaixar a taxa de pobreza, moi por riba das axudas públicas, que a socialdemocracia propón como un mecanismo esencial para evitar a pobreza e reducir a desigualdade. 

 

Ao analizar o período da pasada crise económica o estudo destaca que “se ben os ingresos laborais volveron a ser a fonte predominante no aumento dos ingresos dos fogares pobres, no período 2008-2016 (...) as demais fontes de ingreso representaron un papel máis relevante que no período anterior”. Salientando que na Arxentina (70%), Panamá (54%), Uruguai (33%) e Paraguai (30%) foi onde as axudas públicas tiveron unha maior incidencia na rebaixa da pobreza. Semella lóxico, porque este período foi de aumento do desemprego e retroceso ou estancamento salarial en moitos países (tamén nos do centro do sistema). Mesmo así os salarios tiveron un papel “predominante” no crecemento dos ingresos dos fogares pobres. 

 

Tratase dun informe que deixa en evidencia o carácter central que teñen os salarios na conquista dunha sociedade máis xusta, mesmo nas conxunturas máis adversas. Unha conclusión que tanto é valida para a América Latina como para o resto do mundo. Esta é a razón pola que as prestacións ao desemprego e axudas ás rendas moi baixas, tan comúns na Unión Europea, tiveron un efecto tan limitado no obxectivo de eliminar o marxinalidade e a pobreza, e sobre todo non impediron que a desigualdade siga a medrar. Foi así porque as condicións laborais e os salarios manteñen unha evolución regresiva, como consecuencia do aumento da centralización e concentración da riqueza e do poder, propias desta etapa senil da capitalismo. 

 

Tratase dun informe que deixa en evidencia o carácter central que teñen os salarios na conquista dunha sociedade máis xusta

 

Concretamente nesta conxuntura na Galiza os ingresos salariais pasaron de ser un 46,9% do PIB no ano 2008 ao 42,9% no 2016. Un reaxuste regresivo, en beneficio das rendas do capital e mistas que creceron do 45% ao 47,3% no mesmo período. Non é polo tanto verdade que as empresas estean a pagar os custes da crise, en todo caso, hainas que non poden sobrevivir por mor da inmensa concentración e centralización. E moitas destas pequenas empresas pretenden superar esta atranco aumentando a explotación da clase traballadora. Unha alternativa que reduce o consumo, dá pulo  ao neoliberalismo, reforzando a concentración do capital, malia que era o que querían evitar.

 

Hai quen di que o problema é irresolúbel nun mundo globalizado, e ateigado de robots que restan valor ao esforzo humano. Escusas para manter todo como está, quérese meter o medo no corpo as traballadoras e traballadores, cando na práctica as horas traballadas van a máis. Nunca nas últimas catro décadas se traballou tantas horas e a un ritmo tan intenso! Só co control das xornadas, e a eliminación dos contratos fraudulentos, dos falsos autónomos, e do traballo en negro, desaparecería a maior parte do paro. A robotización, como as outras revolucións tecnolóxicas, reduce emprego nuns sectores e ábreo noutros e, en todo caso, a resposta diante deste fenómeno, que aumenta a produtividade, debe ser a rebaixa da xornada laboral sen perda de salario, como aconteceu coa conquista da xornada de oito horas cinco días á semana durante o fordismo. Unha conquista que se perdeu para unha parte da clase traballadora nas últimas décadas e que vai a máis. (Pola caída da URSS? Por mor dunha esquerda que non aposta pola emancipación da clase traballadora da explotación e opresión capitalista?...).

 

Nunca nas últimas catro décadas se traballou tantas horas e a un ritmo tan intenso!

 

A globalización como escusa para precarizar o traballo ten como resposta posíbel e necesaria unha mundialización solidaria cun reparto xusto do traballo e da riqueza. Neste aspecto, é fundamental tanto o papel do Estado como un forte sector público empresarial, e o cooperativismo. Tamén uns servizos e prestacións públicas eficientes, e unha fiscalidade progresista cun carácter redistributivo. Mais a cuestión central, como xa se dixo, son as condicións laborais e a parte que lle corresponden aos salarios no PIB, así como a redución das diferenzas dos soldos entre sectores e segundo a actividade desempeñada no centro de traballo. 

 

Hai quen valora erroneamente que a clase traballadora perdeu peso na actividade económica, así como a capacidade combativa doutros momentos históricos, para xustificar deste xeito que existen novos suxeitos sociais que tomaron seu relevo. Se temos en consideración o seu protagonismo nos medios e os discursos nos partidos políticos, mesmo os da esquerda, todo indicaría que teñen razón. Agora ben, os dados empíricos din todo o contrario. En todo o mundo a clase traballadora asalariada, con contrato ou informal, nunca foi tan ampla. Esta evolución tamén se reflicte na Galiza, onde un 83% da poboación activa pertence á clase traballadora (con emprego ou parada, aos que habería que sumar os falsos autónomos); mesmo excluíndo directivos e forzas armadas, e persoal asimilábel, representan entre un 78-80% da povoación activa. 

 

En todo o mundo a clase traballadora asalariada, con contrato ou informal, nunca foi tan ampla

 

O segundo aspecto a termos en consideración é que a conflitividade laboral segue sendo central, tanto polo número de accións, como polo de participantes. Segundo o Informe do Ministerio de Interior para o ano 2017, realizáronse na Galiza 3.525 mobilizacións. Delas 1.565 foron convocadas por organizacións sindicais, un 44,3%. En primeiro lugar hai 1.787 solicitadas por organizacións cidadáns, e cando se analizan en función dos motivos, as laborais son as que ocupan o primeiro lugar con 1.291, e o segundo aquelas motivadas en asuntos veciñais, con 1.187. A moita distancia están 189 que foron por cuestións sanitarias, 80 polo ensino, e 61 contra a violencia de xénero. Un aspecto importante a termos en consideración é que cunha povoación do 5,8% as mobilizacións na Galiza representan o 7,35% do total que se fixeron no Estado español (excluíndo Cataluña e País Vasco). Unha proporción moi superior, a respecto dos habitantes, que Madrid, Andalucía, Valencia, Asturias, malia que teñen maior repercusión nos medios. 

 

Sintetizando: as condicións laborais e os salarios teñen un maior impacto que as políticas distributivas de carácter fiscal; a clase traballadora é a máis numerosa e a que máis confronta co sistema; o aumento da precariedade, da xornada e dos ritmos de traballo, xunto cunha globalización da man de obra e do consumo, premeron á baixa os salarios medios e acrecentaron as desigualdades nos ingresos. Ou sexa, as contradicións foron a máis entre o capital e o traballo, malia a maior fragmentación dentro da clase. Polo tanto, son moito máis os elementos en común: condicións laborais, salarios, dereitos sindicais, etc. En conclusión: puideron mudar as formas, mais os aspectos esenciais non son distintos aos que analizaba Marx, Lenin, Gramsci; Samir Amin, Ricardo Antunes, ou Adrián Sotelo, cada un no seu tempo histórico. 

 

Os salarios teñen un maior impacto que as políticas distributivas de carácter fiscal; a clase traballadora é a máis numerosa e a que máis confronta co sistema

 

O que mudou, e dun xeito importante, polo que necesita dunha reflexión profunda e unha resposta estratéxica, é a correlación de forzas e a actitude dos partidos políticos que din defender os intereses da clase traballadora. Comezando porque xa non recoñecen o carácter fundamental da contradición entre o capital e o traballo, e o papel central da clase traballadora na construción dun sistema xusto, solidario, participativo, democrático. Esta é unha cuestión básica para aqueles países que reclaman soberanía, que están moi afectados tanto pola centralización como pola concentración do capital (especialmente cando teñen por detrás unha historia de alienación, e un proceso colonizador). Se cadra o nacionalismo galego deberíase preguntar: por que no ámbito sindical conseguiu consolidarse e avanzar, malia que leve década e medio recuando no eido institucional? 

 

https://obloguedemera.wordpress.com/