Opinión

Galeguismo e nacionalismo: un diálogo imposíbel ou un diálogo necesario?

Foi a mediados de xullo de 1989 cando, dentro dunha das sesións da primeira edición da Universidade Popular de Ortigueira, logramos xuntar nun seminario sobre o nacionalismo galego anterior ao 36 a Ramón Piñeiro e a Encarna Otero. Tamén estaba prevista naquela mesa redonda a participación de Manuel Beiras, mais o seu delicado estado de saúde impideulle finalmente desprazarse a Ortigueira. Non lembro agora se foi nunha conversa momentos antes de comezar o acto ou se foi ao seu remate, pero recordo moi ben que Piñeiro comentounos que aproveitara a viaxe a Ortigueira para ir a San Andrés de Teixido e que era, ademais, a primeira vez que ían el e Isabel. Outra cousa que nos chamou poderosamente a atención aquela tarde foi descubrir que Encarna Otero e Ramón Piñeiro nunca antes até aquel día mantiveran unha conversa, aínda que os dous eran veciños de Compostela, unha cidade onde ao fin ao cabo era doado coñecerse ou cruzarse nalgún momento na rúa do Vilar, no Toural ou na Alameda. Este último dato ilustra perfectamente o divorcio que houbo desde os anos sesenta entre o galeguismo político e o nacionalismo galego, mesmo entre persoas que sempre cultivaron a cortesía e a afabilidade nas relacións humanas, como era o caso de Piñeiro e como é o caso de Encarna. 

Despois de ler as memorias de Fernando Pérez-Barreiro Nolla non temos dúbidas de que foi o propio Piñeiro o que impulsou un combate implacábel contra o ideario nacionalista de Castelao e contra calquera reorganización política do nacionalismo que el non puidese controlar desde a mesa braseiro de Xelmírez 15, 4º. Iso abriu xa desde fins dos anos cincuenta unha fenda entre o galeguismo e o nacionalismo que non deixou de aumentar día a día até a ruptura total entre o piñeirismo e as novas xeracións que abrazan as ideas do nacionalismo galego. Ese divorcio dá orixe a dúas estratexias políticas radicalmente enfrontadas: a de Piñeiro e a da UPG, sen que nin unha soa vez ao longo de varias décadas haxa un punto de encontro na defensa política de Galiza. Será precisamente durante a Transición cando paguemos moi caro a falta dunha estratexia común en defensa do país entre o galeguismo e o nacionalismo. Ramón Piñeiro, que xa liquidara moito antes o PG no que militaran Castelao e Bóveda, neses anos setenta, tan decisivos para a historia política de Galiza, renuncia tamén unha e outra vez á reorganización do vello partido galeguista. Todo iso supón un enorme erro histórico, do que incluso se decatan persoas como Valentín Paz Andrade, que ao final actúa pola súa conta, á marxe do piñeirismo e do nacionalismo organizado, integrándose a fins de 1976 na denominada Comisión Negociadora da Oposición. E, por outra parte, estaban as forzas nacionalistas, que non só carecen de referentes históricos como o nacionalismo vasco e catalán, senón que as fortes tensións ideolóxicas entre as diferentes opcións partidarias e as estratexias e tácticas de uns e de outros acaban por tronzar a unidade de acción a través do Consello de Forzas Políticas Galegas xusto cando máis a precisaba o país. E con esa falta de unión estratéxica entre o galeguismo e o nacionalismo, e incluso entre as propias organizacións de carácter nacionalista, chegamos ás eleccións de xuño do 77, que dalgún xeito van condicionar todo o proceso político posterior.

Será precisamente durante a Transición cando paguemos moi caro a falta dunha estratexia común en defensa do país entre o galeguismo e o nacionalismo

 

Coa fotografía da Galiza de hoxe -que é a fotografía dun país moi destruído na súa base económica, no seu corpo social e na súa identidade lingüística e cultural- e coa perspectiva histórica que nos dan xa os últimos corenta anos, creo que é o momento de repensar de maneira serena se aínda é posíbel unha certa unidade de acción entre o nacionalismo existente como expresión política organizada, todas aquelas persoas independentes de pensamento nacionalista que hai na nosa sociedade e todos aqueles sectores galeguistas que acreditan no país e na necesidade de contarmos con forzas políticas propias. Aínda que non coincidamos na ideoloxía, aínda que non teñamos a mesma idea de país nin o mesmo proxecto político, aínda que a Galiza que soñamos uns e outros non sexa exactamente a mesma, nós temos a convicción de que esa unidade de acción entre o galeguismo e o nacionalismo resulta claramente necesaria non só para construirmos outro presente e outro futuro colectivo, senón simplemente para seguir existindo como pobo con lingua e cultura de seu no século XXI -que non é pouco. Despois de vivirmos intensamente as últimas catro décadas da historia política de Galiza, tantas e tantas frustracións políticas para o país desde 1977, case a nosa única certeza é que este país precisa que todos e todas nós, galeguistas e nacionalistas, actuemos con responsabilidade histórica, con madurez política e con xenerosidade por todas as partes. Cada día estou tamén máis convencido de que calquera acto, discurso, actitude ou xesto que teña a ver co desprezo, coa belixerancia, co rancor, coa palabra hostil ou con esa vella teima nosa de acentuar de forma innecesaria as diferenzas entre nós acaba resultando un exercicio estéril para sumar máis persoas ao compromiso activo co país e para abrir un futuro diferente para Galiza. Non sei se lle pasa a todo o mundo, pero cando eu me atopo con alguén que fala e defende a nosa lingua, que posúe conciencia política de país e que ten confianza na nosa propia forza como pobo, non o podo evitar, ilumínanseme os ollos e sempre penso que esa persoa e eu temos unha tarefa común: construír o país.

Case a nosa única certeza é que este país precisa que todos e todas nós, galeguistas e nacionalistas, actuemos con responsabilidade histórica, con madurez política e con xenerosidade por todas as partes

 

Moitas veces imaxínome o escritor e a obra que tería perdido a literatura galega se despois de 1949 Francisco Fernández del Riego non turrase de Álvaro Cunqueiro para que se puxera a escribir e para recuperalo para as letras galegas e para o galeguismo cultural, sen reprocharlle nunca a súa vinculación coa Falanxe durante a guerra e a súa afervoada adhesión ao réxime franquista xa desde o primeiro momento. O Cunqueiro que agora todos celebramos, o Cunqueiro de Dona do corpo delgado, de Merlín e familia ou de Don Hamlet, Príncipe de Dinamarca debémosllo en certo sentido ao apoio humano que lle ofreceu Del Riego ao mindoniense naqueles anos escuros de Álvaro Cunqueiro en Mondoñedo e á capacidade do de Vilanova de Lourenzá para comprender a traxectoria biográfica do seu vello amigo tras xullo do 36. De non ser pola calidade humana, a xenerosidade e a vontade reconciliadora de Francisco Fernández del Riego seguramente teriamos perdido para a literatura galega a mellor obra literaria de Álvaro Cunqueiro. Isto é algo que me fai reflexionar moi a miúdo sobre a actitude que debemos manter con outras persoas que non coinciden plenamente coas ideas que nós profesamos ou que nun determinado momento se distanciaron do compromiso coas siglas nas que nós militamos. Cómpre ter sempre o corazón aberto e non deixar de pensar endexamais no país que tanto precisa de todas e todos nós. Velaí a lección que nos deu don Paco del Riego.

Comentarios