Opinión

Silencios

Ana sabía que o seu home, de quen se ía divorciar polos continuos malos tratos, a mataría. E pediu axuda. A axuda que che din que pidas: que denuncies, que confíes, que non estás soa. Mais non era verdade, Ana Gómez Nieto, de Becerreá, Lugo, estaba soa. En canto ao que as institucións se refire, estaba soa. Primeiro acudiu á ALAR, onde a mandaron á Casa da Muller. A persoa que a atendeu chamou nese mesmo intre dando conta do grave da situación. Logo foi á Casa da Muller, onde coa escusa de “non hai persoal”, “o Entroido”, a citan para 22 días despois... Vou parar aquí, o final coñecédelo.

Canto vale a vida dunha muller? E a desfeita emocional dos seus fillos, da súa familia? Para a Casa da Muller do Concello de Lugo, ben pouco, por non ser rotunda. O 11 de febreiro de 2016, Ana é asasinada polo seu home diante dos seus fillos e da súa sogra. Martina Gómez Nieto, súa irmá, leva dende entón unha loita incansábel que só reclama un pouco de xustiza. Ninguén vai devolverlle a súa irma, coma ela di, mais non quere que lle pase a outras mulleres. A denuncia polo penal foi arquivada (tamén na Audiencia).

O Concello de Lugo non esbozou un mínimo mea culpa. A funcionaria dixo no xuízo: quen non lle dera nada por escrito a Ana, e que “a partir de aí xa aprendín e xa o facemos...”. A irmá de Ana, Martina, acompañada pola Plataforma Feminista de Lugo, quere acadar unha xustiza mínima, unha autocrítica de quen actuou notoriamente mal, e unha serie de medidas imprescindíbeis para que as palabras se parezan aos feitos. Menos discursos, máis recursos. Cóntoo eu, Ana xa non está. A loita segue.

Comentarios