Opinión

Despedida

As despedidas nunca me gustaron. Talvez porque tiven que me despedir tantas veces de lugares, de cousas e, sobre todo, de persoas.

Estes tampouco son bos tempos para as despedidas. Estamos a vivilas a diario, e moitas son daquelas de “para sempre xamais” que non me chistan nin medio.  

Por iso non me gustan as despedidas... Como non me gustou no seu momento (hai  xa dous anos) pasar dos catro mil caracteres do Sermos aos mil seiscentos do querido Nós, que aínda podía ser menos dependendo da lonxitude do título. E a escribir un artigo por semana cando antes era un cada mes. En fin, que hai cambios.

Eu xa me adaptara ao pequeno formato e coido que puidemos estabelecer unha boa comunicación de gafas e olladas violeta con eses caracteres.

Falamos de tantas cousas nestes tempos, que se fago un repaso aparecen, como é lóxico, moitos dos feitos máis salientábeis destes dous anos. As historias de triunfos pequenos e de derrotas medianas ou grandes. Acusamos os golpes dos retrógrados, que agromaron sen rubor e con forza bruta na nosa cotidianeidade, tentando dar unha resposta feminista, acreditando nun feminismo incluínte e revolucionario (si, aínda se poden e se deben dicir estas palabras).

Agora, a derradeira, só resta agradecervos as vosas lecturas, as vosas críticas, as vosas propostas e suxestións, o voso partillado da columna e o voso acompañamento constante. Que teñades o mellor ano 22 posíbel, que baixe a rabia, que remonte a beleza e a alegría de estarmos xuntxs. Que se vos cumpran a meirande parte dos vosos soños, todos, que para baixar xa sabedes... Que teñades unha BOA VIDA. Até vernos nun novo formato. 

Comentarios