Opinión

A serio alguén cre que España é federal?

Xa desde 1982, coa tentativa da LOAPA para frear o proceso autonómico, e pasando por mostras do máis absoluto desprezo, como a de nin escoitar o Plan Ibarretxe, ou de represión, como a exercida contra Catalunya por mor da consulta, fica en evidencia a crise irreversíbel do modelo territorial e o déficit de lexitimidade dun Estado belixerante contra calquera asomo de realidade plurinacional. Déficit democrático deste Estado que responde ás arelas de autogoberno e de recoñecemento dos pobos coa ameaza da aplicación do artigo 155 da Constitución, con ataques ás súa linguas, culturas e modelos educativos, co incremento de políticas recentralizadoras e coa substitución da vía política pola xudicial e a policial. E, malia a todo isto, boa parte da esquerda e da dereita española teñen a desvergoña de insistir en que o Estado español é unha democracia pluralista e practicamente federal.

A proposta federal sempre partiu da base de que sen recoñecemento recíproco e sen liberdade non podía haber un pacto federativo

Falacias e autocomplacencias para xustificar o inmobilismo e o integrismo identitarios fronte ás reclamacións, precisamente, dunha democracia respectuosa coa plurinacionalidade. Porque, sendo honestos, o Estado español non pasa de ser un Estado rexional, constitucionalmente descentralizado a partires dun modelo unitario, e dividido en unidades subestatais autonómicas totalmente carentes de soberanía. Comunidades autónomas con máis ou menos competencias na capacidade de xestión pero enormemente limitadas e dependentes na capacidade de decisión, incluso nas materias asumidas coma propias. Porén, non cómpre escaravellar moito para se decatar da razón cínica á que nos ten acostumados a narrativa nacional española.

Cales son, logo, os criterios máis comúns para definir un modelo federal? Pois, resumidamente, a existencia dun duplo nivel de goberno entre o Estado federal e os federados. Unha autonomía constitucional dos Estados federados, con Constitucións de seu que cada un aproba unilateralmente sen intervención do Estado central. A existencia, nas partes federadas, dunha orde completa de organización do poder público nos ámbitos lexislativo, executivo e xudicial, coa correspondente autonomía fiscal. Cómpre salientar, tamén, a participación dos Estados federados no goberno común da federación, na reforma constitucional e na elección dos membros do poder xudicial así como a existencia dunha Cámara de representación territorial. Ademais, os conflitos entre o nivel federal e o federado resólvense por un órgano xurisdicional celoso e garante da imparcialidade. De feito, non se debe obviar que, historicamente, a proposta federal sempre partiu da base de que sen recoñecemento recíproco e sen liberdade non podía haber un pacto federativo.

A cultura política e xurídica española amosou, desde sempre, unha xenreira patolóxica contra a aceptación e o respecto cara aos feitos diferenciais

Mais, cal é a realidade? Pois que os Estatutos de Autonomía precisan para a súa aprobación e reforma do referendo do Parlamento español. Que as Comunidades Autónomas nin dispoñen dun poder xudicial de seu, nin -agás Euskadi e Nafarroa- de autonomía financeira. Que non hai un Senado que represente ás Autonomías territoriais e que garanta a súa participación no proceso lexislativo. Que non é posíbel a participación en procedementos esenciais de equilibrio institucional, tales como a selección e nomeamento dos membros dun Tribunal Constitucional que, na realidade, resulta ser un órgano do Estado que actúa como xuíz e parte nos conflitos. Acontece, tamén, que as Comunidades Autónomas non poden intervir no procedemento de reforma constitucional, sendo posíbel que o modelo involucione e se recentralice sen o consentimento das mesmas.

Esta ausencia de recoñecemento das nacións e dos seus pobos coma suxeitos políticos, xunto co control e o dominio exercidos sobre os mesmos, tornan ridícula calquera presentación do Reino como unha democracia respectuosa coa condición pluricultural e plurinacional. A cultura política e xurídica española amosou, desde sempre, unha xenreira patolóxica contra a aceptación e o respecto cara aos feitos diferenciais que enchoupa as institucións e o espazo político, de esquerda a dereita. E, por moito que digan, é esta obcecación identitaria a que xera a conflitividade por non querer ver que a convivencia non se pode impor senón que xurde da aceptación do exercicio da soberanía para poder decidir libremente.

Comentarios