Opinión

A tradición está aí fóra

A finais dos noventa a primeira revolución das pandeiretas animou a moitas mozas a querer experimentar como era aquilo de ser pandeireteira. Exemplos coma Leilía, Xacarandaina ou Pallamallada era potentes, mais cumpría ampliar repertorio. Sole e Lupe Agulla, compañeiras en Manxadoira de Bueu, repararon en que súa avoa Carme era moi cantadeira, e aló fomos, gravala nun radiocasete como puidemos. Carmiña 'do Cruseiro' resultou ter unha enorme memoria e un gran gusto polo cantar. Foi a miña primeira gran mestra cantadeira, con todo o que implica. Logo daquel radiocasete veu a cámara de vídeo, e logo o mp3. Hoxe algúns deses cantares pódense escoitar no traballo Elelelos que editamos dende Retrouso de Cela no 2014.

Non chegamos a tempo para facer o mesmo con Angelina de Telmo, da parroquia de Amoedo, en Pazos de Borbén. Cando a coñecemos apenas lembraba os cantares ou o tanxer da pandeireta nas fiadas da súa mocidade no Cabalo. Mais, marabilla, súa filla Mari Carmen garda unha axenda vella cheíña de cantighas que Angelina lle foi ditando. De cando en cando, Mari Carmen le o primeiro verso e súa nai remata cos outros tres, cantigha tras cantigha, nun exercicio memorístico de primeira. Ducias e ducias de coplas, marabillosas para peneirar e cantar nas pandeiretadas aprendidas en Amoedo, por exemplo. 

Cantas Carmiñas, cantas Angelinas, cantas Elenas nos terán deixado sen ninguén que gravara os seus cantares

Para cantighas famosas as de Elena Alonso 'da Xusta', de Toutón, en Mondariz. Quixo a vida que un seu neto, Pipo Alvariño, fora musicólogo e músico, e que con moito xeito fora rexistrando ao longo dos anos os cantares de Señora Lena, unha das grandes mestras pandeireteiras do Condado. As cantigas de Elena (Inquedanzas Sonoras, 2018) é un CD no que viven esas músicas da nosa tradición, na voz da propia Elena, mais tamén na da grande María Vidal, acompañada ao acordeón de Myriam González e á guitarra do propio Pipo, arranxista e artífice deste fermoso proxecto.

Cantas Carmiñas, cantas Angelinas, cantas Elenas nos terán deixado sen ninguén que gravara os seus cantares, que anotara as súas cantigas ou que lle dera nova vida a un saber tradicional con tanto valor de futuro. 

O inmenso patrimonio que é a nosa música de tradición oral quere tamén institucións que boten man del. Corenta anos de autonomía e aínda non temos un Arquivo da Música de Tradición Oral Galega como merece. Un organismo que sexa quen de aglutinar os importantes arquivos privados espallados por todo o país, e que ademais de custodialos traballe para poñer en valor todo ese material e achegalo ás persoas que traballan na súa posta en valor. Contamos, si, cun Arquivo Sonoro de Galicia público, mais a súa crónica infradotación impide que poida servir a un propósito ambicioso coma o que falamos.

Pola contra, a nosa tradición oral resiste grazas á militancia teimuda de moitas. Referenciais son traballos coma o do equipo do Alalá da TVG, o das editoriais Canela ou ACentral Folque, ou o do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade. Un exemplo, un comezo, mais só o cabo da enorme meda que herdamos, vinculeiros dunha cultura milenaria que resiste. 

Cantas Carmiñas, cantas Angelinas, cantas Elenas nos terán deixado sen ninguén que gravara os seus cantares

Resiste porque a seguimos facendo día a día, torreiro a torreiro, foliada a foliada. Resiste porque aínda quedan na Galiza moitas Carmiñas, moitas Angelinas e moitas Elenas, agardando por alguén que lles pregunte. Avoa, acórdanche cantares dos que se botaban cando eras nova? E logo vostede non tocou de moza no baile das pandeiretas? Daquela non se cantaban historias das que vendían os cegos nas feiras? Non ía a xente cantar no tempo do Nadal? E que lle cantabades ás crianzas para que durmisen?

No entanto a iniciativa pública non acaba de estar á altura, dende o colectivo de usuarias da tradición oral galega, incluída a AGG, insistimos na necesidade de termos un Arquivo da Música de Tradición Oral Galega completo e a disposición de todo o mundo. Ese camiño haino que andar máis cedo ca tarde, mais sempre sen perder de vista que a memoria da nosa tradición musical tamén está aí fóra, ao pé da porta ou mesmo dentro das nosas casas. Non deixemos de preguntar, rexistrar, aprender e compartir. A nosa tradición oral está aí fóra. A por ela.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios