Opinión

Galiza, val de carneiros

Ollar o último filme do director Grímur Hákonarson é albiscar a metáfora do país.

Ollar o último filme do director Grímur Hákonarson é albiscar a metáfora do país.

Vivir o avance dunha infección como a narrada na película, poñendo en risco o sustento dos habitantes dunha remota aldea islandesa e, sabérmonos hóspedes do noso propio virus.

Estou a falar de Hrútar, ou Rams, como se traducíu ao inglés. Historia mínima duns gandeiros obrigados a facerlle fronte á tremesía ou “scrapie”, unha enfermidade dexenerativa e perigosamente contaxiosa que afecta letalmente aos rabaños autóctonos de ovinos.

Destripo parcialmente o guión do islandés, porque o simbolismo coa situación actual do nacionalismo galego que puidera facerse tras a irrupción deste mal nas súas aldeas, invita á reflexión.

No filme atribúese a entrada da doenza ao influxo foráneo, consecuencia da introducción de gando británico na illa.

A obriga das autoridades a sacrificar todas as cabezas de gando para evitar o “contaxio” á grea, supón a ameaza da esencia e a identidade do territorio.

Os únicos gandeiros que deciden facer fronte ao exterminio, son dous irmáns solteiros que levan sen falar corenta anos.

Quen son os carneiros do noso país? Quen representa á tremesía? Quen poderían ser os gandeiros resistentes na defensa do seu?
Evidentemente estamos a falar dun símil con moitas posibles interpretacións, pero dende o emotivo e persoal, destacaría a final aberta que traslada o director. Precisamente “o gandeiro” que arrisca todo na defensa da supervivencia dunha cosmovisión a piques de ser aniquilidada, finalmente esmorece e fina na súa loita?

A Identidade Comprometida que se respira no filme, é a mesma na que vogamos dende hai moito tempo neste país. Mesmo diría que esa anguria apercibida case todos os días e que nos condena á extinción do propio, referendouse o pasado día 20 coa desaparición da representación galega no Congreso.
Así polo menos é como eu o vivo.

Ademais todo o proceso desenvolto nos últimos tempos lémbrame á obra de Frances Stonor “A CIA e a guerra fría cultural”. Desculpade o anacronismo pero, poderiamos falar de “guerra” psicolóxica contra do nacionalismo?

Dende logo o uso planificado de “propaganda” e outras actividades co propósito de influir nas opinións, emocións e actitudes sobre o grupo xurdiu efecto.

E claro está, o tipo de propaganda máis efectivo é aquela na que “o suxeito móvese na dirección que quere por razóns que pensa son propias”, e isto non o digo eu.

Quizais esteamos a vivir o noso particular “Congreso pola Liberdade Cultural”, explícome.

A fins dos anos 40 do século pasado, había que apartar á intelectualidade da súa fascinación polo marxismo a favor dun xeito de ver o mundo co “american way”; con esa finalidade naceu o xa mencionado congreso.

Hoxe coido, facendo de novo un símil moi persoal, hai unha dobre función compartida e repartida segundo o interese por dereita e esquerda: vacinar ao mundo do “contaxio comunista” por unha banda, e facilitar a consecución dos intereses da política centralizadora “antinacionalista”, pola outra.
O resultado, unha numerosa rede de persoas traballando para promover a idea de que o país precisa unha “pax española”. Unha sorte de nova época ilustrada onde todos sumamos, onde a especificidade do que somos queda relegada a un segundo plano ou desaparece sen máis coa connivencia “inconsciente?” de matármonos a nós mesmos.

E continuamos cos paralelismos...quen se atrevía daquela a cuestionar que os Estados Unidos de América non eran unha democracia? Había quen aludía directamente á política racial que aplicaban en contra dos negros. Podía unha democracia presentarse como modelo integrador con este tipo de 
políticas discriminatorias?

A solución, a presentación dos mellores artistas negros do panorama musical en calquera acto no que houbese unha vinculación co goberno americano. Deste xeito, de maneira superficial e a modo de maquillaxe, a visibilización nos contextos europeos de cidadáns negros como cara visible do “american way”, tentaba desarmar todo o argumentario racial dos que cuestionaban o sistema.

Que negros tocan jazz na Galiza do século XXI para alimentar o “spanish way”? Algúns din non ser músicos de ningunha batuta pero...
Así é o como eu o vivo.

Comentarios