Opinión

Prohibido ter gripe

[María Obelleiro]

Os últimos días do ano acompáñannos visitantes non desexados: a gripe e a Covid, tamén o virus sincitial, que están a comprometer os servizos sanitarios, provocando o agravamento da xa de por si enfraquecida sanidade pública. En casos coma estes, cunha vaga de infeccións respiratorias, as vergoñas do modelo de Atención Primaria impulsado desde o Goberno galego fanse máis evidentes, pois se esa primeira porta de entrada ás prestacións sanitarias funcionase correctamente, os servizos de urxencias dos PAC e dos hospitais non se resentirían como o están a facer. Ás denuncias diarias de colectivos, partidos políticos da oposición, sindicatos... sobre a falta de médicas e médicos de Atención Primaria por toda a xeografía galega súmanse agora imaxes dos corredores de Urxencias ateigados de persoas.

Calquera é consciente de que coas vagas de gripe, a presión asistencial aumenta, mais tamén deberíamos selo de que os recortes son os causantes principais da situación que sufrimos. Un contexto que leva a agardar tempos superiores a unha semana as citas de Atención Primaria e que condenan a facer cola nas Urxencias. Debería comezarse por dotar a Primaria de máis orzamentos -lembremos que as contas de 2024 en materia de sanidade caeron en máis de 70 millóns a respecto das de 2023 se temos en conta o impacto do IPC- e as profesionais da sanidade pública de condicións máis dignas.

Comentarios