Opinión

O primeiro e o mellor

[María Obelleiro]

Otítulo deste editorial refírese a Antolín Faraldo, tomando como propia a definición que del fixera Manuel Murguía. Celebramos hoxe o 200 aniversario do nacemento dun dos mitos fundacionais da nación galega, o primeiro que impugnou o modelo de Estado unitario imposto polos liberais españois. Disposto ao compromiso e á acción política, foi o primeiro en advertir claramente e con contundencia a opresión do Estado sobre o pobo galego e resultou chave na revolución de 1846. Mais o autor do chamamento da Xunta Superior de Goberno da Galiza, publicado o 17 de abril dese ano, no que apelaba a levantarse contra a "humillación e o abatemento", segue a ficar no ostracismo.

A celebración do seu bicentenario era unha grande ocasión para que as institucións públicas recoñecesen a importancia de Faraldo e da revolución de 1846, e que estes feitos chegasen tamén aos currículos escolares. A Deputación da Coruña foi unha das honrosas excepcións e realizou a súa propia homenaxe ao protonacionalista, a quen Sermos Galiza dedica o próximo número, a modo de publicación monográfica, que estará á venda nos quioscos o próximo sábado. A través de iniciativas como o especial Antolín Faraldo e o proxecto multidisciplinar sobre o Reino da Galiza queremos contribuír a afondar no coñecemento da nosa historia.

Comentarios