Opinión

Indignación

[María Obelleiro]

"Indignounos saber dun ataque das Forzas de Defensa Israelí que matou varios traballadores humanitarios civís onte desde a World Central Kitchen”. Así reaxía no día de onte o portavoz de Comunicacións de Seguridade Nacional da Casa Branca, John Kirby, en relación ao ataque a un convoi de vehículos non militares co logotipo da ONG do televisivo chef español José Andrés que circulaban por unha zona non conflitiva. De feito, transitaban unha ruta previamente acordada e coordinada co Exército israelí.

É indignante, si, como os asasinatos indiscriminados a habitantes da Faixa de Gaza; como deixar morrer de fame crianzas; como os ataques aos centros sanitarios e ás sedes de reparto de alimentos; como as mortes, a mans dos israelís, das persoas que agardaban para recoller axuda humanitaria; como a ocupación en Cisxordania e a política de apartheid... Como indignante é que os EUA sigan alimentando a guerra e que Estados como o español sigan vendendo armamento a Israel.

Mentres os EUA se indignan polo asasinato destas vítimas estranxeiras, a cifra de persoas falecidas en Gaza desde o inicio da agresión militar o pasado mes mes de outubro continúa a medrar e xa se achega, segundo os datos oficiais do Ministerio de Sanidade palestino, ás 33.000. Indignarse de pouco vale cando non se quere pór solución.

Comentarios