Opinión

Golpe á política eólica da Xunta

[María Obelleiro]

A veciñanza de Campo Lameiro, Barro e Moraña debe estar ben contenta tras coñecer a decisión do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) de suspender de maneira cautelar o parque eólico do Acibal. Un proxecto contra o que leva meses loitando o colectivo Amil sen Eólicos, que divulgara o vídeo en que se vía como dinamitaban o Acibal, un monte cheo de petróglifos. Precisamente, o TSXG recolleu nun auto que as actuacións previstas no proxecto “afectan os hábitats de interese comunitario e de especies catalogadas situados no humidal das brañas de Amil, así como os petróglifos”.

O auto do TSXG representa unha nova labazada á política eólica impulsada pola Xunta da Galiza, que neste caso outorgara á empresa Norvento a autorización administrativa previa e a de construción das instalacións do parque, declarado polo Goberno do PP de “utilidade pública” e compatíbel “con diversos aproveitamentos forestais”.

Agora tocará a campaña orquestrada de sempre: aos poucos sairán o Executivo de Alfonso Rueda, a patronal eólica —da cal é presidente José Manuel Pazo, un exemplo de portas xiratorias que comezou a súa carreira na empresa pública Xestenga S.A.—, a Confederación de Empresarios, a patronal do metal, empresas enerxéticas, o colexio de enxeñeiros industriais, CCOO e UXT... para reclamar “seguridade xurídica” e premer, dalgunha maneira, a Xustiza.

Comentarios