Francocracia

[Alberte Mera]
Representantes do movemento memorialista galego déronse cita onte en Bruxelas xunto a familiares de vítimas da ditadura franquista como Moncho Reboiras, Xosé Humberto Baena ou Xosé Luís Sánchez Bravo. Levaron á Eurocámara a reclamación de xustiza, verdade e reparación e denunciaron os ocos da lexislación do Estado español que impide obter esas tres chaves. O encontro chega nas vésperas de que se fagan 50 anos da morte de Franco e desde entón hai unha realidade: non houbo vontade política por parte dos sucesivos gobernos españois para modificar a Lei de Amnistía de 1977, escrita para amparar e permitir a impunidade de quen asasinou e torturou desde o golpe de Estado en 1936 até morto o ditador e ben entrada a chamada transición. A lei é precisamente a escusa á que xuíces se aferran para impedir xulgar delitos de lesa humanidade, é dicir, delitos imprescriptíbeis a pesar do paso dos anos porque os delitos contra o ser humano non caducan.

Por iso debates como o de onte decorridos en Bruxelas, organizados pola eurodeputada galega Ana Miranda e de formacións da esquerda estatal e soberanista dos Países Cataláns, son fundamentais. Porque malia a morte de Franco podemos ver a Francocracia que quedou instaurada en estamentos decisivos como é a monarquía, a cúpula do poder xudicial ou dos grandes poderes económicos e o centralismo político.

Comentarios