Opinión

Carpetazo!

[María Obelleiro]

Custa entender que a Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) desoíse a petición de vítimas e familiares de vítimas para que se desenvolva unha nova investigación sobre o accidente do Alvia en Angrois (Compostela). Como custa entender que nin José Branco nin Ana Pastor, no seu papel de ministros de Fomento, tivesen sequera que prestar declaración durante o procedemento xudicial. A CIAF contestou ás vítimas —e fíxoo porque así llo ordenou o Tribunal Supremo— que non procedía unha nova investigación porque estudar algo xa analizado “carece de fundamento” ao “non aparecer probas ou aspectos non identificados dos que se puidesen extraer novas ensinanzas e novas recomendacións para a mellora da seguridade”.

Quizais non lle parece suficientemente importante á CIAF, dependente do Ministerio de Transportes, que a súa investigación, realizada en 2014, fose cuestionada polas autoridades da Unión Europea. De feito, a Axencia Ferroviaria da UE, emitía un informe en 2016, a instancias da Comisión Europea, no que sinalaba de que o estudo da CIAF “non foi independente” e que deixou sen estudar “elementos chave”. Por certo, a ex ministra Pastor advertira á comisaria de Transportes da UE da “especial gravidade” que suporía publicar o informe crítico coa investigación oficial do Estado español.

Comentarios