Opinión

Pero de verdade van gañando os "nosos"?

Entraremos en breve no quinto mes desde o inicio da invasión de Ucraína por parte de Rusia; e neste tempo non houbo un só día no que non recibísemos información de que os nosos van gañando a guerra.

Unhas veces a pericia e valentía do exército ucraíno permite que destrúa continxentes militares rusos, moi superiores en número e moito mellor armados. Noutras ocasións a inminente vitoria semella que será posíbel pola incapacidade e falla de motivación do exército ruso, formado por persoal de recrutamento e sen experiencia ao que visten un uniforme e poñen na man un Kalashnikov, para que morra en Ucraína.

Tamén se nos fala acotío do colapso da economía rusa debido ao efecto das sancións impostas polas democracias occidentais, e de que as multinacionais e empresas importantes teñen abandonado o país en castigo pola actuación do sátrapa Putin contra o seu veciño ucraíno. Ademais, o pasado 27 de xuño, con gran despregue de titulares, anunciouse ao mundo que Rusia viña de entrar en suspensión de pagamentos, ao non poder cumprir cos compromisos de pago de 100 millóns de dólares correspondentes a intereses da súa débeda soberana. Aproveitándose ademais a noticia para inxectarnos unha nova dose do medo á sempre presente ameaza pantasma do comunismo, lembrándonos que Rusia entrara tamén hai cen anos en suspensión de pagamentos, fora en 1918 cando Lenin dirixía a Rusia revolucionaria.

O complexo de superioridade propio da mentalidade eurocentrista levará a moitos a crelo mentres pechan os ollos ao que acontece ao seu redor

De sermos persoas confiadas e ben pensadas deixarémonos levar por esas noticias, e consideraremos que a derrota do sátrapa do Kremlin está á volta da esquina; hoxe mesmo a vitoria pode abrir o informativo nocturno da televisión, ou a máis tardar verémolo nos xornais de mañá. Pero de ser persoas algo desconfiadas e por que non dicilo, un pouquiño retorcidas, tentaremos unir as distintas pezas, e pese ao esforzo non daremos atopado a tan buscada cuadratura do círculo, pois os anuncios desa gran vitoria non mudan a realidade na que vivimos.

Non é que non se albisque unha inminente vitoria dos nosos, parece estar cada vez máis claro que os EUA, e o seu brazo executor a OTAN, teñen interese en alongar a guerra. É duro dicilo, pero as mortes na Ucraína e a retransmisión convenientemente manipulada do que alí está a ocorrer sonlles de moita utilidade para adoptar decisións que noutro contexto contarían con maior oposición.

Exemplo é o apoio de gran parte da opinión pública ao incremento dos envíos de armamento sen cuestionarse os seus efectos, moi propio de quen pensan que estamos diante dun enfrontamento que se vai dirimir en función de quen teña maior potencia de fogo. Pero canto máis armamento maior duración do conflito e maior sufrimento; por non falar do desvío de moito dese armamento para fornecer as redes clandestinas de tráfico de armas.

Parece estar cada vez máis claro que os EUA, e o seu brazo executor a OTAN, teñen interese en alongar a guerra

O mesmo podemos dicir do entusiasmo co que os gobernos da UE aplican as directrices dos EUA con sancións, embargos, ruptura de relacións comerciais, etc. Entusiasmo que está provocando un empeoramento nas condicións de vida da clase traballadora e do conxunto das clases populares no conxunto da UE, sen ternos recuperado da crise de 2008 e sen saber cando e como sairemos da Covid. En Galiza, segundo datos oficiais, no mes de maio o IPC chegou ao 9,6%, un punto superior á media estatal, destacando a suba dos alimentos un 11% e o transporte un 15%. E non se pode achacar todo á guerra, pois as brutais subas da electricidade e do gas son moi anteriores ao 24 de febreiro, e o encarecemento no prezo dos alimentos só en parte é consecuencia dela.

Seguirán dicindo que van gañando os nosos, e o complexo de superioridade tan propio da mentalidade eurocentrista levará a moitos a crelo, mentres pechan os ollos ao que acontece ao seu redor. Pero na nova e complexa etapa que se abre coa desaparición do mundo unipolar haberá que ver máis cara outros continentes; e a Unión Europea pintará cada vez menos, ao ser totalmente submisa aos intereses xeopolíticos dos EUA e ter aumentado nos últimos meses a pasos axigantados a súa dependencia económica e enerxética.

Comentarios