Opinión

Cinismo

Hai uns días a maioría dos medios de comunicación dedicaron moito tempo e espazo a informar sobre a detención de vinte e cinco alemáns de extrema dereita; que polo visto integraban un grupo auto-denominado Reichsbürger; e dependendo do medio consultado, ese termo alemán traducíase por "os cidadáns do Reich" ou "o exército do Reich". Na información destacábase ademais que algúns dos seus membros contaban con formación militar, conspiraban desde había tempo e tiñan xa moi avanzados algúns aspectos relacionados con un plan para executar un golpe de estado.

Na información anterior eran coincidentes todos os medios, os serios e os menos serios; pero despois, xa en función da tendencia ou do nivel de sensacionalismo do medio, podíamos atopar outros datos a maiores: uns dicían que segundo a Fiscalía o grupo tiña contacto directo co Kremlin, outros que contaba con 21.000 adeptos dispostos a actuar e algún sinalou incluso que a importante formación militar que posuían debíase a que entre os seus membros había persoas que integraran as forzas armadas da desaparecida RDA (República Democrática Alemá).

Como é lóxico, unha noticia así provocou un forte impacto na opinión pública; non se estaba a falar da enésima e aburrida tentativa de golpe de estado nunha república bananeira de África ou Latinoamérica. A información advertíanos de que nun operativo sen precedentes, máis de 3.000 policías viñan de desarticular un grupo que estaba planeando secuestrar as institucións dun estado democrático, no centro da moderna e civilizada Europa.

Mágoa que a casualidade fixera coincidir esta destacada operación policial cunha entrevista á antiga chanceler Angela Merkel, entrevista publicada o mesmo día polo semanario liberal alemán Die Zeit. Ou ao mellor a coincidencia non se debeu a unha simple casualidade, iso pode que nunca o saibamos.

Na entrevista do Die Zeit, Merkel reitera algo que xa deixara caer noutro medio días antes; o obxectivo de occidente cos Acordos de Minsk en 2015 non era acadar a paz, senón que buscaban entreter a Rusia. E mentres Rusia estaba entretida tentando que se cumprisen os acordos, a OTAN contaba co tempo necesario para preparar o terreo e armar aos ucraínos.

Como recoñece a antiga chanceler, os acordos de Minsk só servían para conxelar o conflito e, cando menos para occidente, o obxectivo dos mesmos non era buscar unha solución ao mesmo. Pois, mentres Rusia obrigaba os líderes de Lugansk e Donetsk a sentarse na mesa de negociacións para buscar un acordo que garantise algún nivel de autonomía, o goberno ucraíno seguía bombardeando o Dombass, sen que Alemaña ou Francia fixesen nada para impedilo.

Mentres Rusia estaba entretida tentando que se cumprisen os acordos, a OTAN contaba co tempo necesario para preparar o terreo e armar aos ucraínos

Por se aínda había alguén con dúbidas, Angela Merkel deixa claro que o pobo ucraíno foi e segue a ser empregado como arma pola OTAN na súa actuación contra Rusia. E dez meses despois do inicio desta nova fase do conflito, só quen queira manter unha venda sobre os ollos pode negar que quen formamos parte da Unión Europea tamén estamos sendo utilizados. As decisións que adoptan de xeito entusiasta a Comisión e os distintos gobernos aumentan a dependencia enerxética a respecto dos EUA. As sancións contra Rusia están a ter graves efectos nas nosas economías, igual que o aumento no investimento en armamento.

A derrota rusa da que tanto se ten falado non dá chegado; pero quen si chegou e está empezando a actuar é o famoso xeneral inverno; un xeneral que ao longo da historia ten funcionado como aliado de Rusia fronte aos inimigos. A súa actuación desgraciadamente estase sentindo na Ucraína, pero tamén a empezamos a sentir en Europa occidental.

Non son os nosos oligarcas quen sofren a suba do prezo dos combustíbeis ou dos alimentos; eles están tirando un bo beneficio de todo isto. Son as clases populares as que empezan a sufrir as consecuencias das decisións adoptadas; e por moito que se siga dicindo que en Ucraína están en xogo a democracia e a civilización, o certo é que o único que está en xogo é se os EUA seguen dominando o mundo ou non.

Comentarios