Opinión

33.068, a nosa forza

Hai uns días neste mesmo xornal publicábase un artigo titulado Docentes doentes, no que o autor facía referencia a unha realidade coa que creo que a maioría dos e das docentes nos identificamos; unha realidade chea de frustracións con unha burocracia que nos afoga, e unha dixitalización que en vez de ser ferramenta útil estase convertendo en único obxectivo.

Podemos engadir a continua redución de postos de traballo, con profesorado que vai ao paro e, como consecuencia, un aumento de alumnado por aula, eliminación de desdobres e obriga de impartir materias para as que non tes capacitación. Aumento de horario lectivo, e, por tanto, a falla de horas para coordinarse, planificar e practicar un ensino individualizado que permita dar resposta ás necesidades concretas do alumnado. Ausencia de apoios profesionais e formación para atender a unha diversidade e complexidade nas aulas cada vez maior. Perda continuada de poder adquisitivo, e desprezo diario por parte dunha administración educativa que cada vez actúa con maiores doses de prepotencia e autoritarismo.

Enfrontámonos a unha Consellería de Educación que, en vez de dotarnos dos medios para facer máis eficaz o noso traballo, só pon trabas

Todo isto enmarcado nunha desvalorización do noso traballo a nivel social, co espectáculo habitual de tertulianos e opinadores dos que saben de todo, transmitindo a idea de que os únicos que non sabemos como desenvolver o noso traballo somos nós.
Esta realidade, comentada cada día nas salas de profesorado, pode levar a pecharnos na nosa aula ou no noso centro, ao considerar imposíbel mudar a situación con actuacións colectivas e máis útil funcionar como illas. Tampouco é doado fuxir do discurso dominante de que é mellor non protestar, pois se miramos ao noso redor desfrutamos de unha situación de privilexio. Esas son trampas que nos pon o adversario; e digo adversario porque neste tempo, no que reinan as palabras ocas e os envoltorios que envolven o baleiro, debemos recuperar o valor das palabras.

Somos traballadores e traballadoras que desenvolvemos unha función social fundamental. Traballamos con material moi sensíbel, traballamos con persoas en idades que son chave para a súa evolución, e temos a función de formar a quen construirán o futuro da nosa sociedade. Un dos principais obxectivos do noso traballo é dotar a ese alumnado de hábitos e instrumentos que permitan desenvolver as súas capacidades e avanzar, destacando entre eles a capacidade de reflexión e análise. 
Nese traballo enfrontámonos a unha Consellería de Educación que, en vez de dotarnos dos medios para facer máis eficaz o noso traballo, só pon trabas; pois busca que o ensino público asuma unha función sobre todo asistencial mentres potencia o ensino privado. Unha Consellería de Educación que ademais non distingue na súa actuación a realidade galega da que pode haber en Madrid ou Murcia.

Unha Consellería que diante de quen cala e mostra submisión actúa como unha apisoadora, pasando por riba de calquera dereito. 

Unha Consellería que só dá marcha atrás cando hai presión, e ten en fronte a quen loita e se mobiliza en defensa dos seus dereitos.

O 1 de decembro 33.068 docentes elixiremos representantes sindicais, e poderemos actuar como colectivo, ensinando os dentes á Consellería de Educación. O xeito máis efectivo de facelo é votando masivamente, e apoiando a quen non teña medo a ir contracorrente. A análise e reflexión sobre a situación e as perspectivas a curto prazo do ensino e da sociedade mostran ás claras que haberá que seguir resistindo, fronte a novos recortes que se aveciñan.

Apoiando a un sindicato que estea presente día a día nos centros, e non só cada catro anos, traballando co profesorado, sabendo das preocupacións, facendo propostas e disposto a recibir críticas.

Un sindicato que integre no seu corpo de afiliación e simpatizantes a gran pluralidade existente no ensino galego. 
O 1 de decembro poderemos elixir entre sete opcións sindicais; pero só unha delas pon dos nervios á Consellería, é a opción sindical á que acude o profesorado cando ten un problema grave. É a forza do colectivo docente. Chámase CIG-Ensino.

Comentarios