Galegos de ida e volta

Hai un tipo de galego recorrente: o de ida e volta. Marcha a Madrid para ser alguén e regresa cando o teléfono deixa de soar. O retorno preséntase sempre como un acto de amor á terra e de reencontro coas raíces. Melindrada e facturación.

Manuel Fraga foi o exemplar máis intelixente desta especie. Feito en Madrid, ministro e home de Estado, soubo entender que Galiza podía ser o seu refuxio, pero tamén a súa base. Desde aquí reconstruíu un poder propio que lle permitiu seguir sendo relevante no xogo político español. Fraga non volveu por nostalxia: volveu para mandar. E fíxoo. A súa herdanza segue aí, en forma de redes e de maiorías para a dereita.

Na cultura, o mecanismo é parecido, mais máis grotesco. A chamada Movida de Vigo, presentada no seu tempo como sinónimo de vangarda, naceu xa coa ollada posta na Castellana. Escribir Madrid con V de Vigo consistía, en realidade, en escribir Vigo con M de Madrid. Teo Cardalda é o exemplo perfecto, mais cun agravante estético: desde que acabou Golpes Bajos a música de Teo Cardalda provoca empachos de almibre (por sermos suaves). Agora reaparece, como reapareceu Luz Casal por Boimorto, sendo beneficiario de (moitos) cartos públicos por unha canción de promoción turística cuxa letra se move entre o cringe e o petardo. Un artefacto perfecto para o modelo de cultura de encefalograma plano do PPdG.

No mundo literario, a finalista galega do último Premio Planeta, Ángela Banzas, dixo que non escribía en galego porque o normativo lle soaba artificial, como se o castelán dos seus libros fose o dun pastor segoviano ou dun coiteleiro de Albacete. Pero ese argumento, ademais de vello, é xa bioloxicamente inverosímil: Banzas (1982) pertence a unha xeración que asistiu ao ocaso das aldeas e que medrou coa lingua galega integrada no ensino. Non existe nese caso un "galego de aldea" fronte a un "galego de escola", senón a coartada dun desinterese envolto en sentimentalismo barato. Que alguén poida repetir hoxe esa cantilena sen recibir custo social ningún é sintomático de que vivimos nunha sociedade na que a "distinción" de Bourdieu non rexe para o galego: aquí a ignorancia non penaliza.

Velaí o balance que cabe facer de todas estas décadas de normalización lingüística.

Comentarios