Desorde e fragmentación
Advertía hai uns días Sergei Lavrov de que camiñamos cara a un escenario no que nin Versalles nin Ialta estruturan as relacións internacionais. Hai épocas nas que a historia parece dobrarse sobre si mesma, mais non coma un xiro en U, senón coma unha espiral invertida. Hoxe o espectro do mundo anterior á IGM está de regreso: equilibrios fráxiles, alianzas inestables e decisións aparentemente menores que, acumuladas, poden desencadear consecuencias sistémicas. En Sonámbulos. Como Europa foi á guerra en 1914 (2012), Christopher Clark describe precisamente ese proceso: a IGM non foi froito dun plan deliberado, nin dunha fatalidade histórica, senón dunha cadea de accións de múltiples actores que, sen unha dirección clara, precipitaron o conflito.
Na Europa actual temos un trasunto deste sonambulismo. A recente derrota de Giorgia Meloni no referendo sobre a reforma da Constitución de 1948 revela unha contradición profunda: o mesmo país que elevou ao poder unha figura abertamente neofascista rexeita modificar un texto fundacional da orde antifascista europea. Este movemento pendular entre a nostalxia dos "trinta gloriosos" e a tentación autoritaria fala dun continente incapaz de imaxinar o futuro. Europa deambula durmida entre dous pasados porque non atopa un horizonte novo.
Neste contexto, tamén o pensamento filosófico mundial revive vellas tensións. A crise do positivismo científico decimonónico tivo o seu eco en figuras como Martin Heidegger, cuxo regreso ao Ser marcaría o período de entreguerras e máis alá. Hoxe, cando a Intelixencia Artificial escolle os obxectivos militares na guerra de Irán, rexorde unha inquietude pola técnica análoga á de Heidegger. O filósofo (non por casualidade chinés) Yuk Hui recolle a herdanza, mais reformúlaa: non se trata de rexeitar a tecnoloxía, senón de cuestionar a súa pretendida universalidade. Para Hui, e nisto é máis heideggeriano ca marxista, o problema non é tanto o modo de produción capitalista como a sincronización técnica do mundo, a imposición (tamén nos países poscoloniais) dun único xeito de concibir e empregar a tecnoloxía: a occidental. Fronte a iso, Hui fala dun tempo filosófico posteuropeo que explore outras "cosmotécnicas", é dicir, outras relacións posibles entre cultura e técnica. A fragmentación cosmotécnica do futuro (correlato, a nivel filosófico, da fragmentación xeopolítica en curso) é a clave que ofrece Hui para evitar unha forma definitiva de dominación.