Garante da paz mundial

Hai apenas corenta e oito horas, o inferno desatouse sobre a poboación iraní, froito dunha serie de ataques coordinados –non lle chaman guerra, dadas as connotacións que esta palabra ten, como a duración prolongada, perda de vidas do propio bando etc.– de Estados Unidos e Israel sobre o país. Desde ese momento e, sobre todo, despois da confirmación da morte do aiatolá, as reaccións non se fixeron esperar. Cunha resposta morna –como non?– da UE, o debate tornou nunha xustificación das accións de xudeus e ianquis –ou nunha non crítica, que ao cabo é o mesmo–. Presuntamente, se o obxectivo é frear unha ditadura e un autoritario, un tirano, os medios non importan. Tampouco a lei. E, sobre todas estas cuestións, quero centrar este artigo.

Curiosamente, estes días estou traballando profundamente sobre dúas figuras: Walt Whitman e Henry David Thoreau; ambas as dúas seméllanme profundamente ilustrativas en todo o enfoque dunha “guerra” que, novamente, quere arrastrar a Europa aos abismos. Desde o proxecto que dirixo, Boulevar Libraría Edicións, imos dar a lume Walden e outros escritos (entre o que se atopa Desobediencia civil, que é o que aquí me trae) e Follas de herba (para o que, aproveitando o do Pisuerga e Valladolid, temos un crowdfunding en Verkami que podedes apoiar. Antonte, os EE.UU., co seu comandante en xefe á cabeza, emprenderon unha acción militar con consecuencias potencialmente desestabilizadoras en todo Oriente –que raro, non?– e claramente mortíferas sen contar co visto bo do Congreso do país, da ONU ou de calquera outro organismo internacional.

Cunha dinámica máis propia de Maquiavelo, Trump optou pola opción de ignorar o potencial perigo para a súa nación, Oriente e, en xeral, para o mundo, incumprindo un dos compromisos polo que foi elixido: EE.UU. non se ía involucrar en máis guerras; ía rematar con elas. Precisamente, esa diferenza tan profunda co seu programa xa causou voces discordantes no seu mundo MAGA, unhas voces que, de teren coherencia, medrarán coa perda de vidas estadounidenses polas consecuencias dos ataques de Trump. Mais, para algúns, nada importa que o presidente incumpra a lexislación (nacional e internacional), que vulnere os seus compromisos etc., a fin xustifica os medios. Porén, Maquiavelo tamén advertiría sobre guerras que non se poden gañar. Afganistán e Irak están aí.

Hoxe, o autor de Walden, estaría revolvéndose no seu Massachusetts natal, expoñendo como, desde o berce das liberdades, desde o Estado máis democrático, o garante do mundo libre, o sistema democrático e o control non funcionan. Un “díxenvolo” emana da súa tumba. O poder executivo dos EUA actúa sen control democrático, fronte a un Thoreau que se negaría radicalmente a pagar impostos para financiar unha guerra (no seu caso, contra México; neste, contra calquera que desaire o loitador contra a inmigración casado cunha inmigrante). Por certo, que acontecería se Sánchez se pasase polo arco do triunfo francés o sistema obrigado pola Constitución para lanzar un ataque similar sen contar coa principal forza da oposición e co Parlamento?

Fronte a un Thoreau que, directamente, se oporía –como debe ser– ao goberno de Trump por esta acción unilateral que, cos impostos de todos –si, porque terminará arrastrando a OTAN, a UE ou, simplemente, sometela aínda máis–, sufraga unha guerra que ninguén vai gañar, hoxe Whitman poría o foco no outro lado, nas vítimas inocentes da barbarie ianqui. Aviso a xente intensa de redes sociais: estou totalmente en contra dun réxime como o do aiatolá; tamén das accións unilaterais contra Irán e da vulneración da soberanía nacional por terceiras partes. Hoxe son eles. Mañá, nós.

Mentres Alemaña, Francia e Reino Unido se ofrecen a apoiar os EUA na súa ofensiva –pasamos do trío á orxía (sen Azores)–, non podo deixar de determe na detentación de poder na que Maquiavelo e Thoreau porían o foco. Para Kaja Kallas a autodefensa de Irán é inescusable –os ataques de EE.UU. teñen patente de corso, porque para iso somos europeos e parvos–, os países da UE antes mencionados suxiren atacar Irán con armas bélicas para neutralizar o poder bélico de Irán –eins? entón os atacantes van ter armas bélicas pero os atacados non poden telas?– etc.

O poder omnímodo duns poucos aventúrase sobre unha vasta rexión acostumada as cinsas. Aquí non caben impagos de impostos e críticas ao poder exclusivamente –Thoreau–. Tampouco relatos humanizantes das vítimas, das do tirano aiatolá e das dos bombardeos ianquis, –Whitman–. Hoxe os verdadeiros demócratas, os que cremos na separación de poderes, na rendición de contas do executivo, na soberanía nacional, precisámolos a ambos os dous. Necesitamos os rebeldes políticos e os que cantan a todas as vítimas. No fondo, ser humanos, é preocuparnos das formas e de quen queda atrás. Sen importar bando.

*Este artigo foi escrito coa canción ‘Papá cuéntame otra vez’ de Ismael Serrano en bucle.

Comentarios