Confianzas e caídas no PPdeG

Un dos termómetros máis efectivos para medir as posicións dos cargos políticos e tamén as súas relacións son, sen dúbida, a súa aparición conxunta, a súa proxección e, polo tanto, a súa ocultación. Sexa deliberada ou non, a desaparición dunha figura dunha foto política natalicia ten múltiples derivadas, mais unha única constante: non se viu necesaria a súa presenza porque non achegaba un valor engadido.

O vídeo de felicitación de Nadal deste 2025 do Partido Popular de Galicia, publicado o sábado 20, deixa numerosas carencias e presenzas que non poden máis que lerse en chave interna. Por unha banda, Miguel Ángel Santalices Vieira, presidente do Parlamento de Galicia, representante da boina e ligado de vello ao poder dos Baltar en Ourense, desaparece da estampa natalicia, un feito que, da man do resto de ausencias, non deixa de seguir a manifestar a desaparición paulatina do sector galeguista do foco público, así como a confrontación entre este e a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, tal e como constataron Nós Diario e Praza Pública.

Dese xeito, é notorio como non aparece ningún representante tradicional do sector da boina, pois incluso outros anos houbo cameos de conselleiros. Chama tamén a atención como a representación de Lalín non recae en Román Rodríguez, senón en Avelino Souto, coordinador de Medio Rural e moito máis afín á actual secretaria xeral e aos seus responsables de comunicación. Non en balde, é moi habitual que as redes sociais do Partido Popular de Galicia se fagan eco de múltiples intervencións do edil lalinense, algo pouco habitual con outros responsables políticos, o que vén constatando esa proximidade co sector de Paula Prado. Este feito non deixa de apuntalar as teses defendidas hai uns días por este medio, cando se referiu Xacobe Ferreiro á presunta falta de apoios orgánicos do actual conselleiro de Educación.

Caen tamén outras figuras como a de Raúl Santamaría e Alberto Pazos ‘Cuñado’, mentres emerxen a de Miguel Tellado e Nicole Grueira. No caso do primeiro, é evidente a amortización política do perfil público do ex concursante de ‘Reacción en cadena’. O seu carisma foi xa empregado na campaña electoral do ano 24, cando o vilagarcián se atopaba na crista da onda mediática. É substituído por Nicole Grueira, quen se caracteriza actualmente pola inoperancia e desartellamento dunhas Novas Xeracións sen eventos públicos e sen traballo de campo, con comarcas enteiras sen mobilizar e direccións provinciais inoperantes. Non obstante, isto representa unha dinámica peculiar e interesante que promove actualmente o PPdeG, a de minorar o traballo orgánico das xuventudes e compensalo con visibilidade do seu líder, algo que xa aconteceu co anterior presidente, o oleirense Adrián Pardo, fortemente relacionado con Tellado. Dese modo, lógrase evitar calquera tipo de revolta ou voz crítica interna mentres se mantén o discurso a favor da mocidade, algo que se reforza cun perfil como o de Grueira, baleira a nivel ideolóxico. Resalta a ausencia de ‘Cuñado’, un perfil que, precisamente, como indicou este medio, ten dificultades para exercer a coordinación do grupo popular, un feito que, ligado á súa falta de competencia, lastra a súa posible permanencia ou proximidade a Rueda.

A aparición de Tellado e de Ana ‘de Bande’ é tamén relevante, en tanto conseguen aumentar o perfil da dereita dura, ademais de colonizada por Madrid con cada vez máis perfís presentes na capital do Estado, o que contrasta, como xa se expuxo, coa falta de perfís clara e netamente galeguistas e da boina. Non se nos pode esquecer que, ao cabo, incluso baróns como Luis López ‘Lugués’, abandonou a residencia no seu concello, Rodeiro, mentres exercía de alcalde, cambiándoo pola capital compostelá, así como a ausencia dun pouso ideolóxico identitarista.

Un vídeo que mostra, en conclusión, a paulatina desaparición do sector galeguista no PPdeG, con quen só se podería identificar á líder do PP lucense, a mindoniense Elena Candia. A xogada, sen dúbida, amosa unha clara vontade poña españolización e a dereitización da imaxe do PP. Está por ver, en resumo, os beneficios partidistas desta proxección. Para Galicia non terá ningún.

Comentarios