A crónica

Paula Prado ponlle a proa a un Miguel Santalices en retirada da política activa

As augas baixan revoltas no grupo parlamentario do PP no Pazo do Hórreo. O erro cometido na segunda feira ao non rexistrar unhas emendas destinadas a flexibilizar aínda máis a 'moratoria' sobre o eucalipto provocou un grande enfado na Xunta. Todas as olladas están postas en Alberto Pazos Couñago.

Sin título
Paula Prado preparando unha queimada con Valentín García o pasado domingo nun acto do PP de Lalín. (Foto: PP)

Alberto Pazos Couñago é unha persoa de máxima confianza de Alfonso Rueda e de Paula Prado, mais desde a segunda feira algo menos. Na súa condición de voceiro do grupo parlamentario do PP é o máximo responsábel do seu funcionamento e correspóndelle garantir a súa axeitada coordinación e actividade. Competíalle a el supervisar as emendas presentadas polo grupo e garantir que aquelas suxeridas desde a Xunta acabasen rexistradas, algo que finalmente non aconteceu malia anuncialas previamente o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos.

O erro de Pazos e do seu núcleo de confianza está a traer cola nas filas populares. Malia que as fontes parlamentarias consultadas por Nós Diario dan por feito que a proposta para flexibilizar aínda máis a 'moratoria' sobre o eucalipto será finalmente aprobada no mes de febreiro, o enfado de Rueda procede da imaxe de descoordinación e de falta de eficacia que traslada cara a fóra o seu grupo parlamentario. Precisamente, un dos dirixentes populares consultados por este medio pregúntase "como é posíbel que con 40 deputados e ducias de asesores se poidan cometer estes fallos que tan mal nos deixan?".

Pazos Couñago, que chegou a voceiro do PP no Pazo do Hórreo tras a saída de Pedro Puy, enfrontado de vello a Alfonso Rueda, gústase no seu papel de látego da oposición, mais tamén dos seus compañeiros de grupo parlamentario. No mesmo, unha minoría silenciosa cuestiona o seu estilo e as súas formas, sentíndose marxinados por non seren copartícipes delas. Neste punto, un deles apunta a Nós Diario: "Todos pensamos o mesmo, aquí non hai diferenzas políticas; a diferenza está en que a algúns non nós gusta a confrontación pola confrontación e o lío polo lío".

O voceiro do grupo parlamentario do PP actúa como avanzada dos 'duros' do partido contra o presidente do Parlamento da Galiza, Miguel Santalices. Neste sentido, deputados e deputadas de todas as formacións lembran a Nós Diario as reprimendas de Pazos ao presidente da Cámara en diversos espazos do Hórreo. Unha das máis sonadas produciuse o pasado mes de maio na área do Goberno do Parlamento, cando, segundo un deputado presente, "Pazos a berro pelado e á vista de todos reprocháballe a Santalices a súa actuación no pleno que acababa de rematar".

Paula Prado ten Santalices no punto de mira desde o comezo da lexislatura e non o agocha. Unha das confrontacións mais sonadas entre a secretaria xeral do PP da Galiza e o presidente do Parlamento deuse no pleno do 23 de outubro de 2024, onde Prado acusou Santalices de "non cumprir o regulamento" por negarse a darlle a palabra e preguntouse se non a deixaba a falar por ser deputada do PP, retrucando con retranca o presidente da Cámara que "iso non llo cre nin o apuntador". Porén, o conflito entre unha e outro nin comezou nin rematou nesa data.

As versións sobre as causas do conflito entre Prado e Santalices difiren. As persoas próximas á primeira apuntan que o presidente do Parlamento "quere ir por libre e confunde o seu papel institucional con facer o que lle veña en gana sen contar co seu grupo". Pola súa parte, desde o círculo de Santalices restan importancia ás diferenzas, que cualifican de "puntuais" e "no marco da dialéctica parlamentaria", desligándoas de calquera motivación política.

Sexa como for, a presente lexislatura tense convertido nun calvario para Santalices, desautorizado polos seus e cuestionado de forma permanente pola dirección do seu grupo parlamentario co aval de Alfonso Rueda. Precisamente, esta actitude non é moi ben entendida por diversos deputados populares que destacan que "Santalices está de saída e xa anunciou que non volvería repetir como presidente" da Cámara. A dúbida agora está en se aguantará toda a lexislatura e non lle afectará a remodelación do Goberno galego, que, segundo algunhas fontes, prepara Rueda.

Comentarios