Ruth Matilda e as marxes

Ata hai pouco tempo, as mulleres pasaron pola vida coa misión de deixarnos pasar. Dixéronlles que ese era o seu papel, discreto e silencioso nas marxes, e que, por si mesmas, non tiñan nada interesante que contar. Falamos arreo de coidados, de cancións, de refráns e moito menos de traballo, mais elas fixeron todas esas cousas.

Canda todo o que o fascismo ocultou baixo a alfombra, a historia das galegas xa estaba a ser ignorada moito antes. Todo o que facilitaron, dende un rural que ata hai non tantos anos era maioritario, quedou obviado, soterrado e enterrado baixo un discurso hexemónico no que, quen non o facía adrede, tiña por costume non velas. Non velas co gando, nos mercados, co cesto na cabeza, aleitando e choiando a un tempo, gardando ausencias e abandonos.

Ruth Matilda Anderson chegou a Galiza nos primeiros anos vinte do século XX, con pouco máis de trinta anos e tres ollos formando unha poderosa máquina de testemuños: a vista e a cámara de fotos. A norteamericana cruzou o Atlántico ata Galiza e pousou o seu obxectivo nas labregas, nas sostedoras das casas e das terras e nas nenas traballadoras. Era esa, e non outra, a realidade do noso país que a moitos homes, tamén progresistas, nunca lles interesou. Mais tamén nas escritoras que nos contaron, Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán. Por iso foi, moi probablemente, a primeira tradutora galego-inglés da nai de Galiza.

A investigadora, tradutora e editora Alba Rodríguez Saavedra leva anos estudando a figura de Anderson e facéndose preguntas. Por que ninguén máis que ela reparou así no noso mundo. Por que o seu legado foi posto –e aínda se pon– en discusión, por ser hipoteticamente nesgado. Por que Galiza non reclama unhas fotografías que son patrimonio histórico. Por que non enxalzamos como dementes a que foi a maior tradutora de Rosalía durante corenta anos, e seguramente pioneira.

Como as mulleres labregas, tamén Anderson foi engulida fóra dos rexistros (neste caso, literarios) durante perto dun século. Hoxe teño o privilexio de ter nas mans Ruth Matilda Anderson. Tradutora das marxes, o libro que Rodríguez Saavedra está a uns días de publicar, con limiar da historiadora Ana Cabana e baixo o selo de Laiovento. Un libro deliciosamente escrito que fai xustiza á fotógrafa, editora e tradutora, onde a autora rescata o seu legado e tamén se lembra das súas propias devanceiras. Como non facelo, se é a nosa historia.

Comentarios