Fóra Castelao

Comeza 2026 e Castelao protagoniza o debate político. Dende o Museo de Pontevedra, fronte aos debuxos do mestre, Alfonso Rueda despide o ano vello describindo o ideario que se reflicte ás súas costas como "un mal recordo do pasado". Fóra a actualidade que o fai necesario e brillante. Fóra as críticas ao caciquismo, o desuso da lingua, a xustiza e a domesticación.

Quere o presidente da Xunta que o pai da nosa terra quede na anécdota e na superficie. Que aquilo de Non estudies. Faite político e podes chegar a Ministro da Instrucción pública xamais se lles atribúa, porque iso, conta el, xa non existe. Rueda mira á cámara e atrona unha mentira. Ano Castelao, Ano Vello. Xa o dicía o xenio de Rianxo: En moitos casos a caricatura non é tan cruel com"o retrato.

Tantas verdades debuxou Castelao do que nos aprodrece na raíz que aínda queren reducilo a unha viñeta. Así quixeron sempre que fose a nosa Terra, moxe o labrego unha vaca cadavérica co cranio descuberto. A estampa lembra a Altri, o plástico do mar, os lumes, a trastenda rural e a xente que vive e morre coas mans fóra da terra; fóra do que é noso, do que agroma, amoreada en cidades invivibles, de vivenda, esa palabra tan mal-gastada nos parlamentos. E pra que son os diputados? / Eu non-o sei, meu fillo, conversan fillo e nai.

Fóra as mulleres, que agora si votamos, pero seguimos sen tocar os fíos que nos agreden. Pois eu dígoche que o voto dos homes non sirveu pra nada, di a labrega. Nunha conversa de cama, un matrimonio: ¿En qu"estás cavilando, Xan? / N"os porcos e nas eleccións, muller. Ou, nun auto-imposto castelán, Lo que pasa es que aquí todos queremos ser caciques, ¿sabe?, comentan na cuadrilla. E como esquecer a sesión coas ánimas: Espirito: ¿Podes decirnos porqué hay a guerra de Marruecos? / Porque sodes parvos! Como en Palestina, Sudán, Iemen e o Congo.

Pasamos a vida mirando tamén cara a fóra. Á Xustiza de parte que axita gobernos. A Peinado, o (ex) fiscal xeral, González Amador e o Tribunal Supremo. E agora, ¿a quén podemos recurrir pra librarnos da xusticia?, apunta Daniel. Aos outros desastres naturais e a incompetencia política, tamén natural. Á dina e Carlos Mazón, porque Ô castizo español non hay desgracia que non-o sorprenda.

Que ninguén diga de nós: Non están civilizados; están domesticados, que non é o mesmo. Comeza 2026 e Castelao segue a ser máis necesario ca nunca.

Comentarios