Unha balada irlandesa

No poema "Inverno", recollido en Costa da Morte Blues (Xerais, 1995), Manuel Rivas recorre a Irlanda para falar de corvos, de frío ou da morte das rosas. É unha creación fermosa, romántica e contemporánea a un tempo, que me leva roldando a cabeza nos últimos días, tan escuros, ao ritmo luminoso da música que na mesma década lle puxo meu pai, César Morán: Unha balada irlandesa / para abrir a neveira / onde xaz o Snowman / Morren as rosas / Ouh Danny, Ouh Danny! (...) Unha balada irlandesa / para que a morte de hoxe / sexa vida mañá / Morren as rosas / Ouh Danny, Ouh Danny!

Escolleu o músico pór melodía ao poema con ese mesmo ritmo de balada irlandesa que nomea Rivas, o que convida a cantar e brindar na quentura gregaria das tabernas, en contraste co frío que acostumamos sentir nos corredores dos velorios. Frío malia os días duros de verán e as altas calefaccións do inverno.

En Irlanda levan séculos, probablemente dende o tempo dos celtas, celebrando o ritual fúnebre con víveres e historias que rematan brindando, primeiro na casa, agora na taberna. Alí enténdese a morte non tanto como un triste final que nos deixa en orfandade, senón como un camiño de doce transición que todas as persoas habemos percorrer. Nin sequera o cristianismo logrou deter ese carácter alegre e un tanto festivo co que a xente de Irlanda despide as persoas queridas. Chámanlle wake, espertar, unha verba que talvez nos fala máis dos vivos que dos mortos.

Morren as rosas mentres conto máis da metade dos meus anos irrigados de amargas despedidas. Foron os últimos, como é lóxico, os peores. Marcharon a tía Mercedes, a tía María, Titá, matriarca adorada, a avoa e o avó de Ponteceso, a curmá Paula, o bo de Xoán Pablo. Despedidas que se repiten ciclicamente nunha cultura de xuntanzas de dó nos velorios, de frío nos corredores. Despedidas que adoitan mellorar co tempo, cando a dor se transforma en amorosas lembranzas e risos compartidos arredor dunha mesa. Ouh Danny, Ouh Danny!

Hai tempo que as vodas, as benvidas das crianzas e mesmo os divorcios mudaron a tradición por un punto de vista novo, máis cómodo e persoal, relaxado, sereno e alegre. No xeito particular de como nos enfrontamos ao ritual da morte xorde co tempo unha liberación no recordo que doe pero non proe. Como o tenro mel que avanza lento pola gorxa inflamada. Que non nos quede pendente a balada irlandesa. Para que a morte de hoxe / sexa vida mañá.