Opinión

Guerra política e contra-información

A aparición, de repente, de numerosos conflitos no leste de Europa, Oriente Próximo e Asia, sen relación aparente entre si, resulta como mínimo curiosa. Porén, a súa activación é coincidente cun axuste xeo-estratéxico, acelerado pola Covid, o que podería interpretarse como un intento de debilitar ou neutralizar a novos xogadores que se incorporan con forza ao taboleiro mundial.

Por se había algunha dúbida, un documento do Estado Maior da potencia con máis experiencia neste campo aclárao definitivamente ao bautizar esa estratexia de “guerra política”. Na presentación dese documento o xeneral N. Carter, xefe do Estado Maior británico de Defensa (OTAN), sinalou: "A estratexia de guerra política está deseñada para socavar a cohesión, debilitar a capacidade de recuperación económica, política e social, e competir por unha vantaxe estratéxica en rexións chave do mundo". Meridiano. Entre os países (oficiais) destinatarios desta estratexia Carter sinalou a Irán, China e Rusia. Se nos fixamos nos países involucrados nos novos conflitos é fácil decatarse de que esa “guerra política” xa se está aplicando. A inestabilidade en Bielorrusia e o estado de guerra entre Acerbaixán e Armenia pola república de Artsakh teñen como obxectivo a Rusia, por seren aliados seus ou estaren en lugares críticos para a súa seguridade estratéxica. O mesmo ocorre co escuro asunto Navalny, onde se palpa unha manobra de distracción dos servizos secretos occidentais coa participación de laboratorios da OTAN, os mesmos actores implicados nas guerras neocoloniais de Oriente Próximo e do Norte de África.

A guerra nas repúblicas caucásicas tamén ameaza a Irán e, coa mesma intención, os recentes enfrontamentos por lindes no Himalaia entre India e a China están dirixidos contra este último país, igual que ocorreu co conflito de Hong Kong hai un ano. Morte á cooperación pacífica internacional.

Como sinala Carter, as novas guerras entre as grandes potencias non se van desenvolver no futuro próximo polo procedemento bélico clásico, senón con novos sistemas de información utilizando “as computadoras cuánticas e a intelixencia artificial, evitando o enfrontamento militar aberto”. En resumo, co uso da contra-información a unha nova escala tecnolóxica, e a colaboración de toupas baixo a cobertura de inocentes ONG, é posíbel desenvolver conflitos a distancia sen involucrarse directamente. Que se enfronten os demais. Quen gaña nos conflitos sinalados antes: Armenia, Acerbaixán, India..., Europa? En absoluto, só EEUU e Reino Unido; aos demais países permíteselles facer de coro (sen desafinar), ao tempo que se debilitan os seus competidores estratéxicos (UE, China e Rusia).

Pero a “guerra política” non só está dirixida ao inimigo externo, tamén o interior. Por iso (as elites) cultivan a “imaxe de inimigo” de determinados países, organizacións políticas e persoas, para que a cidadanía trague o anzol. A desinformación tóxica é unha ferramenta óptima para a desintegración política e social, e xa está aquí. Caos e enfrontamento na periferia é a receita que promoven as elites do núcleo duro neoliberal. Ollo, ninguén está a salvo.

Comentarios