Narración | 'As peripecias de Xurxo'

23 out. 2025 a 23 out. 2025
18:00 h a 20:00 h
Sala Municipal de Exposicións da Casa da Cultura, Brión
Malasombra Producións
2025_10_23_p30superior_peripeciasxurxo_brion
Jouse García protagoniza o espectáculo.

Xurxo é un señor un pouco tardo, que vai a unha escola de señoras e señores na que sofre bullying, aínda que el preséntase como un apaixonado contador de contos e historias, e ese é o motivo da súa presenza alí. Na súa presentación, ademais de mostrar o personaxe mediante un extraordinario traballo de clown, cóntanos o acoso sufrido na escola de señoras e señores e como se solucionou cando a titora de señoras e señores fixo chamar aos fillos dos acosadores - que curiosamente teñen unha idade parecida ás nenas e nenos do público - . Esta historia que fala de maltrato escolar, é o pretexto perfecto de presentación dun home namorado dos libros e dos contos, que coa axuda dos seus monicreques vén contar a historia que cambiou a súa vida: o día que coñeceu un pequeño animaliño cun emocionante periplo vital, que a piques estivo de morrer por querer ser diferente.

As peripecias de Xurxo fala de maltrato escolar, fala de acoso ao diferente, pero tamén fala de empatía, de respecto e de amizade e faino situando a acción nunha contorna natural próxima, recoñecible. A acción acontecen nunha carballeira, nun souto, nunha fraga e nunha pequena vila galega. Os personaxes, na súa aventura atópanse con vagalumes, gurgullos, escarabellos ou vacalouras. Tamén se achan con verderolos, xílgaros ou pimpíns e transitan entre bidueiros, freixos carballos e salgueiros. Deste xeito, ademais da importancia da historia principal, a localización da contorna pretende contribuír a que nenas e nenos coñezan o seu medio natural, a súa flora e a súa fauna.