A Xunta activa as axudas para traballadoras autónomas

54 autónomas galegas déronse de baixa cada día o pasado mes de abril (Foto: Arxina)
A Xunta habilita mañá coa publicación no Diario Oficial da Galiza (DOG) as primeiras axudas do seu plan de rescate para as autónomas afectadas polo cese de actividade. 

Galiza tivo o triste privilexio de ser un dos territorios que non prestaron ningún tipo de axuda directa durante a primeira vaga da pandemia da Covid-19 aos traballadores e traballadoras autónomas do país, pese a ser o sustento de boa parte da actividade económica do país.

Agora, oito meses despois do confinamento, con moitos negocios afundidos polo camiño, chegan por fin as axudas. Onte publicouse a orde no Diario Oficial da Galiza (DOG) e desde hoxe xa se poden solicitar. Poden optar a elas as persoas traballadoras autónomas, con e sen persoal contratado ao seu cargo, que estean dadas de alta e que teñan recoñecido o cese ordinario ou extraordinario da súa actividade.

Até 2.000 euros 

As persoas que cumpran con estes requisitos poderán optar a un apoio de 1.200 euros, unha contía que se incrementará até 2.000 euros para os traballadores e traballadoras de sectores ou actividades económicas especialmente paralizadas cuxos códigos na Clasificación Nacional de Actividades Económicas (CNAE) se especifican no DOG.

Son principalmente as relacionadas co ocio nocturno; actividades que se desenvolvan en atraccións de feiras; taxistas; transporte marítimo de pasaxeiros; transporte de pasaxeiros por vías navegables interiores; provisión de comidas preparadas para eventos; actividades de exhibición cinematográfica; axencias de viaxes; operadores turísticos; outros servizos de reservas e actividades relacionadas cos mesmos; organización de convencións e feiras de mostras; artes escénicas; actividades auxiliares ás artes escénicas; xestión de salas de espectáculos; actividades dos parques de atraccións e os parques temáticos; e outras actividades recreativas e de entretemento, que se viron afectadas polas restricións impostas pola Xunta para conter o avance da pandemia.

As axudas levan aparellada a obriga para as persoas beneficiarias de manter a actividade de alta dous meses e poderanse solicitar até o 18 de decembro.

A hostalaría, a espera 

Levan semanas cos seus negocios fechados e sen ingresar cartos, mais os seus gastos profesionais e tamén os persoais non van a menos. De aí que o sector da hostalaría galega leve días agardando polas axudas prometidas pola Xunta e denunciando nas rúas a súa delicada situación.

Os traballadores e traballadoras deste colectivo poderán acollerse á nova liña aberta pola Xunta, 2.000 euros que non van resolver os seus problemas. Aínda terán que agardar para contar coas axudas específicas para o sector prometidas polo Executivo de Núñez Feixoo, dotadas cun orzamento de 12 millóns de euros e que consistirían en achegas de entre 1.000 e 1.500 euros ao mes (en función do número de persoas a cargo) e se poderían sumar ás cantidades recibidas nesta primeira liña de axudas. Aínda así, desde o sector consideran que non serán suficientes.