Veciñanza de Vigo exixe ao Concello que reforce o persoal de bombeiros

A presidenta da Favec, María Pérez, considera “inadmisíbel” que non se cumprise o número mínimo de efectivos no tráxico incendio do edificio da rúa Alfonso X o Sabio que provocou a morte de tres menores e a súa nai.
Camión dos bombeiros de Vigo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Camión dos bombeiros de Vigo (Foto: Nós Diario).

A Federación de Asociacións Veciñais de Vigo Eduardo Chao (Favec) reitera de novo ao Concello de Vigo a “necesidade de reforzar o persoal de bombeiros”, unha petición que xa fixo pública a finais do pasado mes de xuño.

A presidenta da Favec, María Pérez, considera “inadmisíbel” que non se cumprise o número mínimo de efectivos no tráxico incendio do edificio da rúa Alfonso X o Sabio que provocou a morte de tres menores e a súa nai. “As nosas condolencias en nome de toda a veciñanza de Vigo e todo o apoio para os familiares e demais seres queridos dos falecidos e feridos”, indica Pérez.

A presidenta da Favec lembra que a falta de bombeiros xa obrigou a fechar o parque de Coruxo en varias ocasións. Ademais, lamenta a situación na cal residían os veciños do edificio afectado polas chamas. “Reforza a necesidade de apostar máis pola vivenda social, como sempre dixemos. É unha tarefa pendente das institucións”, indica.

A Favec lembra que a súa sede provisional, á espera de que o Concello lles permita regresar ao edificio da Praza da Princesa, sitúase no local da Asociación de Veciños Camiño Vello de Coia, no número 1 da rúa Marín. “Independentemente do espazo que teñamos, seguiremos denunciando as malas prácticas e protexendo os dereitos dos veciños”, subliña María Pérez.

Os bombeiros comarcais mobilizaranse de novo

Noutra orde de cuestións, o comité de folga dos bombeiros comarcais da Galiza informou esta quinta feira da ratificación en asemblea da convocatoria de catro concentracións en outubro e unha manifestación en novembro. As primeiras terán como obxectivo trasladar a protesta do persoal ás sedes das catro Deputacións, mentres que a marcha levará as queixas á Xunta da Galiza.

O calendario estabelecido empeza polo 20 de outubro, fronte á Deputación de Pontevedra; segue o 23 ante a de Ourense; o 27 na da Coruña e o 31 será ante a de Lugo.

A manifestación será o 17 de novembro. Respecto diso, os bombeiros galegos acordaron que sexa "a nivel estatal, tratando de contactar con sindicatos, plataformas e asociacións profesionais de todo o Estado para lles trasladar a situación en que se atopa o conflito" na Galiza e demandar "o maior apoio e asistencia posíbeis".

Comentarios