O TSXG condena unha mutua a indemnizar con 140.000 euros unha traballadora con secuelas irreversíbeis dun accidente laboral

Edificio do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (Foto: Europa Press).

A sala entende acreditada a perda de oportunidade que lle xerou a atención médica recibida á afectada, que padeceu “o que aparentemente era unha torcedura no seu nocello dereito nun bordo da rúa”

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) condenou Fremap, mutua de accidentes de traballo e enfermidades profesionais, a indemnizar a empregada dunha empresa, con categoría de peón de recollida de residuos, con 140.000 euros pola perda de oportunidade que lle produciu a atención sanitaria que lle prestaron após o accidente laboral que sufriu o 14 de febreiro de 2015, cando padeceu “o que aparentemente era unha torcedura no seu nocello dereito nun bordo da rúa”.

Á hora de estabelecer a indemnización, os maxistrados tiveron en conta a idade da doente cando sucederon os feitos (32 anos), “que unha escordadura de nocello requiriría, en circunstancias normais, un período de curación dunhas seis semanas; ou unha fractura de escafoides e lesión de ligamentos, uns tres meses”, así como as graves secuelas que padece, a súa irreversibilidade e a incapacidade permanente total declarada cando contaba con 35 anos.

Na actualidade, segundo consta na sentenza, “camiña con dúas muletas pola intensa dor que lle produce a carga sobre o pé dereito”. Ademais, a flexo-extensión do nocello está limitada 10 graos con respecto da contralateral, que é o nocello san. “Da proba practicada extráese a conclusión de que a asistencia facultativa prestada por parte dos servizos médicos da mutua foi insatisfactoria, por ineficiente”, indica o TSXG no fallo, no que conclúe que “nos atopamos ante a hipótese dunha xenuína perda de oportunidade, aínda que sempre quedará a incerteza acerca do que acontecería se, a partir do coñecemento temperán da patoloxía (no mesmo día do sinistro), se adoptasen os protocolos asistenciais adecuados”.

Neste caso, segundo a sección primeira da Sala do Contencioso-Administrativo, é posíbel afirmar que a falta de detección nun primeiro momento da concreta patoloxía da paciente “privouna de determinadas expectativas de curación ou, canto menos, de mitigación das ulteriores secuelas, que deben ser indemnizadas, pero reducindo o montante da indemnización en razón da probabilidade de que o dano se producira, igualmente, de actuarse dilixentemente”.

Así, incide en que “se descoñece que resultado se obtería no caso de que a abordaxe terapéutica se efectuase nos primeiros días”, á vez que recalca que tamén se ignora “se a entidade da lesión aconsellaría efectuar inmediatamente unha intervención cirúrxica ou pautar un tratamento conservador diferente ao que lle foi instaurado e que se demostrou non só ineficaz, senón mesmo contraproducente, porque implicaba cargar sobre o membro lesionado”.

“Certamente, un servizo de urxencias non é o lugar ideal para diagnosticar de certo unha lesión, pero iso non é óbice para derivar á doente ao servizo especializado no que haberían de ser efectuadas, o máis axiña posíbel, as probas clínicas e diagnósticas necesarias para obter o xuízo médico acertado”, sinalan os xuíces, os cales afirman que esa demora “derivou nun proceso asistencial inusitadamente longo, marcado por catro intervencións cirúrxicas asociadas a outros tantos diagnósticos disímiles que, finalmente, non conseguiron o obxectivo da sanidade da paciente que, lembremos, foi considerada inicialmente como lesionada por unha simple escordadura de nocello, por certo, non graduada”.

Ademais, os maxistrados destacan que “nin as soletas foron adecuadas, ao punto de que se tiveron que cambiar ao longo do tempo; nin a rehabilitación se antollaba idónea cando non se contaba con diagnóstico certo; nin o consello de camiñar máis era o pertinente; nin o dar de alta en dúas ocasións consecutivas á doente cohonestaba ben co seu estado de saúde”.

O TSXG recalca que o que se debe indemnizar é “o custo da oportunidade perdida por esa falta de atención, polo atraso na mesma, todo iso en relación cunha enfermidade que non sabemos como acabaría no caso de que se adoptase algunha decisión terapéutica relevante e sen demora tras unha exploración adecuada ás circunstancias, acompañada das probas diagnósticas axustadas á etioloxía e localización da lesión, pois é unha obviedade que non todo tratamento médico ben aplicado leva á curación total ou á evitación de toda secuela”. A sentenza non é firme, pois é recorrible ante o Tribunal Supremo.