O transporte sanitario de Pontevedra, salvo pacto, fará folga o 1 de xuño

A CIG denuncia que a empresa "incumpre" o contrato co Sergas.
Unha asemblea de persoal de ambulancias de Civera o pasado mes de febreiro (Foto: Nós Diario).
photo_camera Unha asemblea de persoal de ambulancias de Civera o pasado mes de febreiro (Foto: Nós Diario).

A CIG acordou esta terza feira suspender a folga convocada para esta semana no transporte sanitario da área de Pontevedra-O Salnés. A decisión tomouna unha asemblea celebrada pola noite, coa confianza de que nos próximos días a empresa concesionaria do servizo, Ambulancias Civera SL, contacte para negociar e alcanzar un acordo.

Con todo, segundo ratifica o delegado da CIG, Xabier Aboi, mantense por agora, salvo que haxa pacto, a convocatoria para a próxima semana de folga o 1 e 2 de xuño, e indefinida a partir da cuarta feira 7 de xuño. 

O conflito chega despois de que, segundo asegura Aboi, a concesionaria "incumpra todo" o contrato co Servizo Galego de Saúde (Sergas). Neste sentido, menciona unha nova ambulancia para marzo que "non está nin encargada", así como "falta de estabilidade" no persoal, conformado por 90 empregadas e empregados, que só contan "cunha soa ducha". 

Servizos mínimos

Precisamente, o Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou onte a orde cos servizos mínimos, que engloban tanto o transporte sanitario non urxente, ambulatorio e hospitalario, como o urxente. Estaban previstos para aplicarse desde medianoite, mais quedarán para o día 1 de xuño. 

O vixente concerto con Ambulancias Civera estima en 125.000 os transportes anuais estimados -52 por día- para a área pontevedresa.

Así, do total de 38 vehículos que hai dispoñíbeis -de acordo coa concesión-, os servizos mínimos terán 24, coa correspondente dotación mínima de persoal. A orde estabelece que, durante a folga, operen 100% dos servizos solicitados para doentes de urxencia ou aqueles que  "impliquen risco vital ou dano irreparábel para a saúde".

Comentarios