Traballas como autónomo? Esta liña de axudas pode interesarche

Até 8.700 persoas que traballan por conta propia poderán beneficiarse destas bonificacións.

Unha muller apañando grelos nunha explotación agrícola de Xermade (A Terra Chá). (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Unha muller apañando grelos nunha explotación agrícola de Xermade (A Terra Chá). (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A Xunta da Galiza abriu o prazo esta cuarta feira para solicitar as axudas á actividade das persoas autónomas, a través dunha orde única dotada de 40,7 millóns de euros, así como os apoios á contratación indefinida por 1,3 millóns de euros.

Así o trasladou a Consellaría de Emprego, Comercio e Emigración nun comunicado, no que lembrou que, coa orde única, está previsto beneficiar un total de 8.700 autónomos e contratar unhas 160 persoas desempregadas.

Así mesmo, o Executivo galego reiterou que a orde única abarca cinco programas, con especial incidencia no sector primario, o rural e a substitución xeracional. Así, entre as principais novidades, a Consellería destacou a ampliación a dous anos da cobertura da cota cero a autónomos que inicien a súa actividade ligada á agricultura, a gandería ou a silvicultura, até 1.920 euros.

Nesta liña, a administración incidiu no aumento nun 20% da cantidade do Bono Remuda, de 1,5 millóns de euros, para "facilitar a transmisión de negocios". O programa inclúe, ademais, o Bono Nova Oportunidade —con 1,5 millóns de euros para o retorno ao autoemprego—, o Bono Autónomo —con 8 millóns de euros en investimentos para negocios que leven máis de 42 meses activos—, e a conciliación familiar, para "facilitar a actividade deste colectivo".

En concreto, 28,9 millóns de euros da orde unificada destinaranse ao programa de promoción autónomo, en base a dúas liñas: a primeira para impulsar o inicio da actividade e mantemento do traballo, e a segunda para garantir a cota cero durante 12 meses de actividade en sectores asociados á agricultura, gandería ou silvicultura.

Pola súa banda, o Bono Remuda dividirase tamén en dúas liñas: o Bono remuda rural —para negocios en municipios de menos de 10.000 habitantes— e o Bono remuda xeral, para o resto. Este bono inclúe, ademais, apoios para quen traspase o seu negocio por xubilación, entre 3.000 e 6.000 euros en función do concello no que se atope.

Así mesmo, o programa de contratación, cun total de 750.000 euros, ofrecerá apoio á contratación para cubrir permisos de maternidade ou paternidade, a contratación para o coidado de menores, maiores ou dependentes, ou para financiar servizos de coidado para persoas a cargo do autónomo.

Comentarios