Así quedarían as cotas de autónomos coa nova proposta do Goberno estatal
O Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións recuou na súa proposta da semana pasada para subir as cotas dos autónomos en 2026 e propón agora a súa conxelación para os tramos máis baixos de ingresos. Para o resto dos tramos de ingresos, as variacións oscilan entre o 1% e o 2,5%.
O Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións presentou unha nova proposta de cotización para os traballadores autónomos que entraría en vigor en 2026. O plan mantén conxeladas as cotas para os profesionais con rendas máis baixas, mais prevé un incremento progresivo nas achegas das rendas medias e altas, que oscilará entre o 1% e o 2,5%, segundo o tramo de ingresos. Na práctica, a suba nas cotas que están por riba dos 1.116,7 euros de rendementos ao mes situaríase entre 2,9 e 14,75 euros máis ao mes.
Segundo o borrador remitido ás organizacións de autónomos, o Goberno español pretende consolidar o modelo de cotización por ingresos reais aprobado en 2022 e que continuará adaptándose até 2032. O obxectivo, segundo o Executivo de Pedro Sánchez, é que as cotas se axusten á capacidade económica de cada traballador por conta propia, garantindo un sistema "máis equitativo e sostíbel".
A proposta mantén inalteradas as cotas actuais para quen ingresen menos de 1.166 euros mensuais. Pola contra, os autónomos con rendas netas superiores a esa cifra verán incrementada a súa achega á Seguridade Social. Para os tramos comprendidos entre 1.166 e 1.700 euros mensuais, o aumento será do 1%; para os de entre 1.700 e 2.330 euros, do 1,5%; e para os de entre 2.330 e 2.760 euros, do 2%. O incremento máximo, do 2,5%, aplicarase aos profesionais con ingresos superiores aos 3.620 euros mensuais.
As novas cotas suporían, en termos absolutos, un incremento máximo de 14,75 euros ao mes nos tramos máis altos, mentres que os autónomos con rendas máis baixas non verían cambios respecto a 2025. O Ministerio tamén confirmou que se estudan melloras paralelas nas prestacións por cese de actividade e nas axudas por coidados de menores con enfermidades graves.
A proposta, que aínda está en fase de negociación cos sindicatos e as principais asociacións de autónomos, chega despois de que o Executivo recuara e modificara unha versión inicial que contemplaba subas moito máis pronunciadas. As críticas do sector levaron o Goberno español a revisar as cifras.
O Executivo estatal defende que a reforma permitirá avanzar cara a un sistema "máis xusto e progresivo", no que cada profesional contribúa segundo os seus ingresos reais, mentres que as organizacións de autónomos reclaman "máis diálogo e transparencia" e advirten do impacto que unha nova suba podería ter sobre os pequenos negocios.