Carmen Naveira, presidenta do comité de empresa de Inditex: "Traballar en Inditex con Marta Ortega é máis duro"

A sindicalista da CIG Carmen Naveira. (Foto: Nós Diario)
Traballadoras das tendas de Inditex nos concellos comprendidos na provincia da Coruña desenvolverán esta sexta feira unha folga en denuncia pola "discriminación que viven nesta empresa". Nós Diario conversa con Carmen Naveira, traballadora de Zara desde hai 20 anos e presidenta do comité de empresa na Coruña.

—Que motivos levan o persoal das tendas de Inditex á folga deste 23 de decembro?
Imos á folga porque estamos a sufrir unha dobre discriminación, tanto económica como en axudas sociais, con respecto a outras partes da empresa como son a central, a loxística e as fábricas. Xa fixemos unha manifestación o día 6 e unha folga o 25 de novembro, coincidindo co Black Friday, e aínda que agora estanse a dar algunhas conversas coa empresa, non hai ningún tipo de acordo.

—En que consisten as discriminacións que denuncian?
Mentres que as traballadoras das tendas cobramos un salario de entre 1.050 e 1.080 euros por convenio, un traballador por exemplo da plataforma loxística cobra, aínda estando por debaixo da escala salarial do convenio, un total de 2.011 euros ao mes. Non estamos pedindo unha equiparación, mais si estamos pedindo un salario digno para as dependentas que nos permita chegar a fin de mes.

Con respecto ás axudas sociais, o resto de traballadores teñen axudas por exemplo para os libros das crianzas, ou para o colexio ou a escola infantil, que nós non temos. É máis, cando solicitamos algún tipo de mellora salarial, ten habido departamentos de recursos humanos da empresa que nos teñen contestado "a pedir milagres a Lourdes".

—Como valora a unión do cadro de persoal?
Eu creo que é algo histórico, pois penso que nunca as traballadoras do grupo Inditex fixeron unha folga para reclamarlle dereitos nin a Amancio Ortega nin á súa filla, como neste caso. Por certo, chámanos moito a atención que Marta Ortega, que ten unha idade similar á da media das traballadoras do grupo Inditex, nin tan sequera se digne a sentar connosco e a preocuparse polas nosas necesidades.

—Houbo cambios desde que Marta Ortega dirixe Inditex?
Desde que entrou, endurecéronse os departamentos de recursos humanos. Hai algunhas traballadoras que volven ter que pedir permiso para ir ao baño. E hai cadeas como Lefties nas que xa tiñamos problemas con recursos humanos e que empeoraron desde a súa chegada á presidencia.

Con Marta Ortega está sendo moito máis duro, estásenos tratando tal e como nos chamaban hai anos: "las niñas". Creo que se nos dá este trato porque historicamente o traballo nas tendas só o facíamos as mulleres, e consideran que o noso salario é un complemento para levar á casa. 

—Houbo avances desde o comezo das mobilizacións?
Nada. Non tivemos ningún tipo de avance. Si que é certo que desde o día 20 de decembro estamos en conversas coa empresa, mais non hai ningún tipo de acordo nin nada. A folga de mañá, de momento, mantense, e despois de ter feito asembleas nos centros de traballo de toda a provincia da Coruña prevese que sairá mellor e que será máis secundada que a do pasado 25 de novembro. 

Repercute tamén que non houbera movementos por parte da empresa cara a nós ao tempo que si os houbo de cara ao resto de colectivos de persoal de Inditex, como os regalos individuais de racións de polbo, as invitacións a espectáculos e as cartas de reis magos con regalos gratuítos para as crianzas. Isto parécenos moi ben e respectámolo, mais nós tamén temos unhas necesidades que consideramos básicas, como é o noso salario. Unhas vantaxes, ademais, nas que unha vez máis as traballadoras das tendas somos discriminadas, pois son desfrutadas polos departamentos de central, loxística e fábrica, mais nós non temos acceso a elas.

"Inditex discrimina en todo o mundo"

Carmen Naveira explica que as condicións das traballadoras de Inditex son similares en toda a Galiza, en todo o Estado español, e en todo o mundo. Porén, di, "salta aquí porque é onde temos a central da empresa e coñecemos as diferenzas que hai entre as traballadoras das tendas e o resto de departamentos da empresa". Naveira denuncia que a situación que viven "non é unha simple discriminación dentro da propia compañía, senón que pensamos que é unha discriminación polo feito de sermos mulleres". 

A sindicalista da CIG afirma que están dando "un exemplo de loita e de unión", e segundo sinala, a súa mobilización está a ter incidencia nos cadros de persoal doutros territorios. "O día 27 queremos realizar unha manifestación na que participarán sindicatos estatais que teñen previstas mobilizacións e folgas e na que nos acompañarán compañeiras de Ponferrada".