VÍDEO NO INTERIOR

Milleiros de traballadores do metal colapsan os accesos ao Ifevi no primeiro día da Mindtech

Manifestantes diante de axentes da Policía Nacional nos arredores do Ifevi de Vigo. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
Os sindicatos volveron pedir a Asime que "escoite os traballadores" xa que "non están a pedir imposíbeis".

Milleiros de traballadores do metal colapsaron na mañá desta terza feira o acceso principal do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) no día en que se inaugura a Feira Mindtech, referente da industrial do metal e tecnoloxías asociadas e organizada pola patronal, Asime. Desde as 9.30 horas, centenares de empregados do sector foron chegando ás inmediacións do Ifevi, e contra as 10.30h dúas grandes manifestacións que partiron do pavillón do Loureiro e de Panelfa confluíron na rotonda do aeroporto, impedindo a entrada ao recinto feiral nun momento no que tamén se formaron colas quilométricas na autoestrada AP-9 ao seu carón.

Axentes da Policía Nacional impediron que os miles de traballadores, que esta terza feira están en folga, accedesen ao Ifevi. Con berros de 'Convenio do metal, solución'; 'Menos feira e máis salario'; 'Mallón, cabrón, traballa de peón' —en alusión ao representante da patronal Enrique Mallón—, ou 'Asime, escoita, o metal está en loita', as miles de persoas alí concentradas exixiron á patronal melloras nas súas condicións laborais.

Así, os sindicatos volveron pedir a Asime que "escoite os traballadores" xa que "non están a pedir imposíbeis". Oportavoz de UXT, Rubén Pérez, solicitou "sentido común" na mesa negociadora do convenio para que os empresarios "traian propostas que permitan desconvocar o conflito". Pola súa parte, Celso Carnero, de Comisións Obreiras, sinalou que esta manifestación é a mostra de que os traballadores se manifestan "por vontade propia" porque "queren chegar a fin de mes".

Tamén Xulio Fernández, da CIG-Industria, reivindicou o "músculo do sector" para alcanzar un "convenio digno", polo que ameazou con máis xornadas de folga para conseguir "si ou si" o que se propoñen. Preguntado polo seguimento do paro, subliñou que a pasada quinta feira, primeiro día de folga, o paro foi "total", igual que esta terza, o que fixo que os estaleiros non puidesen operar.

A patronal defende que presentou ofertas "relevantes"

Pola súa parte, o secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, subliñou que a patronal propuxo ofertas "moi relevantes" para tratar de "achegar posturas", cun incremento salarial de 8% en tres anos. Mais, ao seu xuízo, "parece que non se quería chegar a un acordo". Así, criticou o "erro tremendo e histórico" de convocar unha folga precisamente o día da inauguración da Feira Mindtech, polo "dano á imaxe" que pode provocar para o sector.

En declaracións aos medios de comunicación, pediu "cordialidade" e que a concentración á entrada do Ifevi "non vaia a máis" porque cre que "se hai algo extraordinariamente negativo, a sociedade vai castigar os sindicatos". Mallón destacou a importancia da feira, que contará con máis de 200 expositores e uns 10.000 visitantes, e o que se busca é que haxa "investimento, negocio e colaboración".