Colas dun quilómetro na AP-9 na saída de Peinador o primeiro día de Mindtech, que coincide coa folga do metal

Atasco quilométrico na AP-9 á altura do aeroporto de Vigo. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)
Os sindicatos convocaron concentracións ás portas do Ifevi, onde decorre a feira do sector.

Decenas de condutores víronse inmersos nun forte atasco na mañá desta terza feira na autoestrada AP-9 á altura da saída do aeroporto de Vigo, nunha xornada na que coincide a inauguración da Feira Mindtech co segundo día de folga do sector do metal da provincia de Pontevedra.

Desde perto das 9 horas rexistráronse longas colas na autoestrada que obrigaron decenas de coches a ficaren até media hora parados na saída cara ao Instituto Feiral de Vigo (Ifevi), onde decorre desde hoxe, e até a quinta feira, a Mindtech.

Ademais, os sindicatos convocaron concentracións ás portas das devanditas instalacións, polo que centenares de traballadores do metal xa roldaban a zona contra as 9.30 horas, dúas antes da inauguración da feira do sector.

Folga no sector

Sindicatos e patronal do metal non lograron alcanzar esta segunda feira un acordo de convenio colectivo para o sector, polo que os traballadores decidiron manter as xornadas de folga anunciadas para esta terza feira, 20 de xuño, e mais para a quinta, 22. O secretario comarcal da federación de Industria da CIG en Vigo, Xulio Fernández, incidiu en que estas tres cuestións “son esenciais” á hora de asinar un acordo que permita desbloquear o conflito laboral no sector: manter a cláusula de revisión salarial conforme ao IPC real, reducir a xornada anual en máis de oito horas e garantir a subrogación do persoal entre empresas privadas.

Fernández lembrou que no caso de que a patronal “non reconsidere a súa posición e achegue unhas propostas que permitan dignificar as condicións laborais das persoas traballadoras do sector” desenvolverán, ademais da de hoxe, as dúas xornadas de folga previstas para o 22 e o 28 de xuño.

Celso Carnero, de CCOO, lamentou que as seis horas de reunión, no que foi o duodécimo encontro coa patronal, non servisen para asinar un preacordo para o convenio colectivo. "Houbo moitos recesos e poucos avances. A parte empresarial só avanzou en materia económica, mais segue sen avanzar nos temas que lle expuñamos desde o inicio, temas clave como a redución da xornada ou a cláusula de revisión do IPC cos atrasos desde xaneiro", subliñou o sindicalista.

Pola súa parte, o secretario xeral da Asociación de Industrias do Metal (Asime), Enrique Mallón, afirmou que a patronal fixo "enormes esforzos" para intentar chegar a un acordo.