A CIG inicia unha campaña contra a precariedade e a obriga de traballar en domingos e festivos nos grandes almacéns

As mobilizacións comezan este 6 de marzo con concentracións en varias cidades galegas e culminarán cunha xornada de folga o 2 de abril, coincidindo cun festivo de apertura comercial.

Anuncio das mobilizacións (Foto: CIG)
Anuncio das mobilizacións (Foto: CIG)

A CIG-Servizos puxo en marcha unha campaña de mobilizacións para reclamar condicións laborais dignas e salarios xustos para as traballadoras e traballadores dos grandes almacéns. A iniciativa tamén busca reverter a obrigatoriedade de traballar en domingos e festivos estabelecida no convenio colectivo estatal do sector. A campaña incluirá concentracións as sextas feiras 6 e 27 de marzo e culminará cunha xornada de folga convocada para a quinta feira 2 de abril, Xoves Santo, unha das datas nas que o comercio está autorizado a abrir.

As protestas deste 6 de marzo celebraranse ás 18.30 horas diante de distintos centros comerciais en Galicia: no Corte Inglés de Gran Vía en Vigo, no Carrefour da avenida Alfonso Molina na Coruña, no Alcampo do polígono da Gándara en Ferrol, no Carrefour da estrada da Coruña en Lugo e no Alcampo da avenida das Carolinas en Vilagarcía.

No convenio estatal de grandes almacéns están incluídas empresas como El Corte Inglés, Carrefour, Alcampo, MediaMarkt, IKEA, Leroy Merlin, FNAC ou C&A. A campaña da CIG prolongarase máis aló da folga de abril, xa que o convenio actual remata a súa vixencia o 31 de decembro e o próximo ano deberá negociarse a súa renovación. Ademais, o sindicato estuda ampliar a convocatoria de folga a outros sectores do comercio nos que tamén existe a obrigatoriedade de traballar en domingos.

O secretario nacional da CIG-Servizos, Carlos Alján, denunciou que as grandes multinacionais do sector están a precarizar cada vez máis as condicións laborais. Segundo explicou, esta situación maniféstase en cargas de traballo excesivas, redución dos cadros de persoal e na falta de cobertura de baixas, vacacións ou licenzas, o que provoca unha maior presión e ritmos de traballo máis intensos.

Estas circunstancias, advertiu, repercuten non só na calidade do servizo, senón tamén na saúde das persoas traballadoras. Neste sentido, sinalou que aumentaron de maneira significativa os procesos de incapacidade temporal por doenzas músculo-esqueléticas, estrés ou ansiedade. Alján subliñou ademais que se trata dun sector altamente feminizado e cun elevado número de contratos a tempo parcial, o que dificulta a conciliación da vida laboral e familiar. Moitas empresas, segundo denunciou, obrigan a traballar nos domingos e festivos autorizados pola Xunta da Galiza sen ofrecer compensacións e mesmo incumprindo o descanso semanal estabelecido pola lexislación laboral.

A esta situación súmase que os salarios no sector apenas superan o Salario Mínimo Interprofesional. Para o sindicato, trátase de retribucións “de subsistencia” que non recoñecen nin a responsabilidade nin o volume de traballo realizado, mentres as grandes cadeas comerciais seguen obtendo beneficios millonarios ano tras ano.

A CIG reclama medidas urxentes para reverter esta realidade laboral, entre elas o incremento dos cadros de persoal mediante a conversión de contratos parciais en xornadas completas e a contratación do persoal necesario para evitar a sobrecarga de traballo. Tamén defende limitar o traballo en domingos e festivos garantindo que sexa voluntario, con compensacións reais e respectando os períodos de descanso e a conciliación.

Un convenio estatal precario

O sindicato aposta igualmente por acordos nos centros de traballo que melloren as condicións laborais e por subas salariais que permitan ás persoas traballadoras vivir con dignidade. Alján atribuíu o deterioro das condicións laborais ás negociacións do convenio estatal que se realizan en Madrid e acusou os grandes sindicatos estatais de ser “actores principais e cómplices necesarios” por asinar ano tras ano acordos que, ao seu xuízo, perpetúan a precariedade laboral no sector.

Neste sentido, criticou o que cualificou como “un extraordinario exercicio de cinismo”, ao considerar contraditorio que estes sindicatos anuncien agora mobilizacións contra condicións que eles mesmos pactaron coa patronal. O responsábel sindical concluíu que o sector do comercio non pode seguir instalado na precariedade e asegurou que a CIG continuará mobilizando e negociando para defender os dereitos das milleiras de persoas que traballan nos gra

Comentarios